A Xunta destaca que Galaxy-Lab contribuirá a que a Cidade das TIC sexa un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia

2022-03-30
  • O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou as instalacións que albergarán esta infraestrutura da Cidade das TIC
  • Este centro de investigación e experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas permite ampliar as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia e a aposta do Goberno galego por este sector

A Coruña, 30 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá, na Coruña, que Galaxy-Lab contribuirá a que a Cidade das TIC sexa un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia. Tal e como explicou na visita ás instalacións que albergarán esta infraestrutura de investigación e experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, tamén permitirá, ao mesmo tempo, ampliar as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia.

“Ademais de contar cunha nova infraestrutura e do coñecemento tecnolóxico que se xerará, a vocación tanto do Polo Aeroespacial como deste novo centro é poder impulsar pegada industrial en Galicia e atraer investimentos de empresas interesadas no desenvolvemento tecnolóxico e industrial”, asegurou Conde, que agradeceu á Universidade da Coruña, e neste proxecto en particular ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a colaboración institucional e público-privada que se está establecendo ao redor da Cidade das TIC. O novo centro conta cun investimento de 1,1M€ financiado ao 50% pola Axencia galega de Innovaicón e o ITG.

Conde puxo en valor que o ITG é o único centro en Galicia -hai catro en toda España-acreditado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, para o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas coa mobilidade aérea autónoma. Neste sentido, impulsará a investigación de solucións alternativas ao transporte de mercadorías e pasaxeiros a través de vehículos aéreos non tripulados nas zonas urbanas co obxectivo de estar á vangarda neste eido.

O vicepresidente económico lembrou que a Xunta, ademais de apoiar esta infraestrutura, tamén achega 4,8M€ para a implantación dun Centro de Servizos Avanzados na Cidade das TIC, no que se instalarán diferentes laboratorios de intelixencia artificial e outras tecnoloxías para que as empresas poidan lanzar e prototipar proxectos. Finalmente, tamén avanzou que a Cidade das TIC se postula como sede dun nó da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial grazas á integración do Citic, o maior centro de intelixencia artificial de Galicia.