Unha delegación peruana visita a Axencia Galega de Innovación para coñecer experiencias de valor na xestión da I+D+i

2022-03-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, recibiu a 15 persoas da rexión de Tacna, que se interesaron pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e as diferentes accións da Xunta para impulsar a innovación


Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, recibiu esta semana a unha delegación da rexión peruana de Tacna interesada en coñecer as políticas públicas de innovación de Galicia e a articulación do sistema galego de I+D+i, buscando así mesmo oportunidades de cooperación internacional neste ámbito.

O encontro prodúcese no marco do Plan de Desenvolvemento do Ecosistema Rexional de Investigación de Tacna, dentro do cal están a realizar visitas de estudo para coñecer experiencias de valor relacionadas coas áreas de especialización que teñen definido e coñecer a maneira en que se conforma e interactúa un ecosistema de I+D+i e emprendemento exitoso. Así, interesáronse pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, así como pola experiencia de cooperación neste ámbito con Portugal, ademais de afondar na relación entre Administración, empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento.

A rexión de Tacna sitúase no sur de Perú, fronteiriza con Chile e Bolivia. Conta cun forte sector mineiro, e ademais son os principais produtores de oliveira e ourego a nivel nacional, con máis do 80% da produción peruana. A delegación que visitou a Axencia Galega de Innovación está integrada por 15 persoas entre as que se inclúen representantes do Instituto Nacional de Innovación Agraria, asociacións de oliveira e ourego, Cámara de Comercio, Cámara de Turismo, e do ámbito universitario.