Galicia ve en Colombia un socio estratéxico para avanzar na cidade das TIC da Coruña e no Polo Aeroespacial

2022-03-17
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Medellín nun foro empresarial sobre o TIC
  • Galicia e Colombia acordan crear un grupo de traballo para explorar vías de colaboración na industria TIC

Medellín (Colombia), 17 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na cidade de Medellín nun encontro empresarial do sector TIC no que asegurou que Colombia pode converterse nun socio estratéxico para Galicia en proxectos como o Polo Aeroespacial ou a Cidade das TIC da Coruña.

Tal e como indicou Conde, Galicia quere estreitar lazos con Colombia e por iso acordouse a creación dun comité de traballo para explorar vías de cooperación e expandir así o modelo colaborativo que caracteriza a forma de traballar do TIC galego.

Durante este foro do sector TIC, Francisco Conde aproveitou para explicar os avances que Galicia ten feito á hora de aplicar as TIC nos servizos públicos, como é o caso da e-Administración ou a e-Saúde. Tamén se abordou a aposta de Galicia pola Compra Pública Innovadora.

Conde explicou que Medellín, a capital do departamento de Antioquia, está considerada como un dos ecosistemas tecnolóxicos máis recoñecidos a nivel internacional, motivo polo que, previo á celebración deste foro TIC, aprobouse un acordo de irmandade entre Galicia e esta rexión. Neste sentido, o vicepresidente económico da Xunta de Galicia agradeceu ao gobernador de Antioquia, Aníbal Gaviria, a disposición a formalizar esta alianza que permitirá seguir consolidando vínculos entre Galicia e Colombia nun eido tan concreto como o TIC.

O obxectivo final é desenvolver fórmulas de cooperación económica, identificar oportunidades de colaboración e intercambios entre empresas. Así mesmo, tamén se fortalecerá a cooperación en eidos como a educación, a cultura ou a I+D+i.