A Xunta dará continuidade á liña de apoio ás empresas de base tecnolóxica que non obtiveran fondos do Neotec

2022-03-17
  • A directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anunciou hoxe que a Administración autonómica continuará coas axudas para as compañías galegas avaliadas favorablemente na convocatoria estatal Neotec que non obtiveron financiamento por falta de crédito
  • En 2021 a Administración autonómica apoiou deste xeito 15 empresas tecnolóxicas galegas cun investimento total de 3,35 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anunciou esta mañá no marco dunha xornada de presentación das convocatorias Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras, impulsadas polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) a continuidade da liña de apoio da Xunta a proxectos de emprendemento de base tecnolóxica galegos presentados a este programa estatal que foron avaliados favorablemente e que non obtiveron financiamento por falta de crédito.

Esta medida enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento innovador que, no ano 2021, permitiu apoiar deste xeito 15 proxectos de empresas tecnolóxicas galegas cun investimento total de 3,35 millóns de euros. Así, apuntou Argerey, o obxectivo é que ningún proxecto empresarial competitivo quede sen apoio.

A directora da Axencia destacou que o programa Neotec é unha das liñas de apoio importantes para impulsar empresas de recente creación cunha alta compoñente tecnolóxica ou de coñecemento científico-tecnolóxico, e animou ás empresas galegas a presentarse a convocatorias estatais e europeas para atraer cara a Galicia os fondos necesarios que poidan servir de panca para desenvolver proxectos estratéxicos. Neste sentido, agradeceu a colaboración do CDTI, co que existe unha liña de colaboración para impulsar a innovación empresarial en Galicia.

No tocante ao novo programa Neotec Mulleres Emprendedoras, a directora da Axencia recalcou a necesidade de que exista un programa coma este que apoie especificamente o liderado das mulleres no emprendemento innovador.

A liña de rescate a proxectos de emprendemento de base tecnolóxica vén sumarse a outras actuacións das que a Xunta de Galicia dispón para apoiar o emprendemento innovador como os programas de incubación e aceleración, entre os que destacan as Business Factories, ou o programa Ignicia, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos. Esta aposta verase reforzada no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que guiará a innovación galega ata 2027.