Galicia ve no Polo de Tecnoloxías Cuánticas unha oportunidade para que a innovación contribúa á recuperación sostible e dixital

2022-03-18
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou en Madrid na presentación do Plan complementario de I+D+i en comunicacións cuánticas, que suporá un investimento de 9,6M€ en Galicia
  • Subliña que a gran achega da Comunidade é o talento das súas empresas e centros de coñecemento, entre os que se atopan as tres universidades e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)
  • Sinala que o obxectivo é conseguir un impulso disruptivo das tecnoloxías cuánticas en computación e comunicacións en Galicia para a mellora do coñecemento, o avance da tecnoloxía, e a recuperación económica

Pozuelo de Alarcón (Madrid), 18 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que o Polo de Tecnoloxías Cuánticas no que traballa Galicia é unha oportunidade para que a I+D+i contribúa á recuperación sostible e dixital, destacando que a gran achega da Comunidade é o talento das súas empresas e centros de coñecemento, entre os que se atopan as tres universidades e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Conde participou en Pozuelo de Alarcón (Madrid) na presentación do Plan complementario de I+D+i en comunicacións cuánticas, nun acto presidido pola ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant. Tal e como se explicou no encontro, na execución do programa, ademais de Galicia, colaborarán as comunidades autónomas de País Vasco, Cataluña e Castela e León, ademais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ten un orzamento total de 73,5 millóns de euros, dos que 9,6 corresponden a Galicia (sendo 3,4 millóns de euros fondos da Xunta).

Na súa intervención, o vicepresidente económico sinalou que a iniciativa permitirá construír sinerxías territoriais, aliñar a execución dos fondos europeos ante o reto da transformación dixital e establecer prioridades comúns.

O Plan complementario supón unha oportunidade para involucrar ás empresas nas novas posibilidades que ofrece a segunda revolución cuántica, en eidos como a seguridades das comunicacións; o reforzo da computación, resolvendo problemas ata agora inabarcables e de grande interese; ou a construción de sensores cunha enorme sensibilidade. Isto permitirá resolver as demandas científico-técnicas de sectores que van desde a medicina á bioloxía, pasando polas telecomunicacións ou a propia industria.

Galicia prevé construír un laboratorio de investigación en comunicacións cuánticas, radicado en Vigo, que aspira a ser un referente a nivel nacional e internacional, e que contará co despregamento dunha primeira liña de comunicacións que unirá Vigo co Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). Trátase de todo un reto tecnolóxico que contribuirá ao despregamento posterior destas tecnoloxías de ciberseguridade a nivel nacional, e poñerá a España á vangarda da futura rede europea de comunicacións cuánticas.

Desde Galicia tamén se buscará impulsar as comunicacións aeroespaciais, comezando polo incremento da ciberseguridade de infraestruturas críticas; e consolidarase a liña de traballo teórica sobre seguridade e deseño de novos sistemas de comunicacións cuánticas.

A participación nestas iniciativas será a base para o polo galego de tecnoloxías cuánticas, chamado a xogar o papel de revulsivo de I+D+i nesta área de grande interese estratéxico. Nacerá cunha visión clara: conseguir un impulso disruptivo das tecnoloxías cuánticas en computación e comunicacións en Galicia para a mellora do coñecemento, o avance da tecnoloxía, e a recuperación económica.

Este Polo de Tecnoloxías Cuánticas apoiarase en catro piares: a Universidade, atraendo o talento e formando aos profesionais do futuro; os centros de I+D+i, que xerarán novo coñecemento, así como novos produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; as empresas, coas que se traballará para impulsar a innovación e a utilización destas tecnoloxías; e a sociedade, que obterá novos servizos ofrecidos por estas tecnoloxías, e á cal haberá que dar a coñecer a súa utilidade e os beneficios alcanzados por investir nelas.