A Xunta de Galicia aborda co Goberno colombiano a posibilidade de abrir vías de colaboración no sector naval e aeroespacial

2022-03-15
  • Francisco Conde propón ao viceministro de Defensa de Colombia, Gustavo Niño Furnieles, que unha delegación do país sudamericano visite as instalacións do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) en Ferrol e o Polo Aeroespacial de Galicia en Castro de Rei con vistas a abrir futuras vías de intercambio
  • Anima a Colombia a participar en Navalia, que se celebrará en Vigo entre o 24 e 26 de maio, e amosa a predisposición do sector en Galicia a formalizar acordos con estaleiros colombianos

Bogotá (Colombia), 15 de marzo de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza co viceministro de Defensa do Goberno de Colombia, Gustavo Niño Furnieles, con quen abordou a posibilidade de abrir vías de colaboración no sector naval e aeroespacial.

Na reunión, o primeiro encontro institucional co que o vicepresidente económico abre a súa axenda de viaxe no país, tamén estivo representada a Corporación da Industria Aeronáutica Colombiana (CIAC) e a Corporación de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento da Industria Naval Marítima e Fluvial (Cotecmar).

Conde explicou que a xuntanza foi, en primeiro lugar, unha oportunidade para abordar as sinerxías que se poden dar entre a industria naval galega e colombiana, tendo en conta que hai más de 20 anos que Galicia leva proporcionado produtos e servizos, especialmente no eido da enxeñaría, a estaleiros e armadores daquel país.

O vicepresidente económico propuxo, ademais, que unha delegación de Cotecmar visite as instalacións do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) en Ferrol con vistas a abrir vías de intercambio, e que o naval colombiano participe en Navalia, que se celebrará en Vigo entre o 24 e 26 de maio. Tamén amosou a disposición do sector en Galicia a formalizar acordos con Cotecmar e outros estaleiros colombianos. Por outra banda, a reunión tamén serviu de ocasión para presentar ante o Goberno de Colombia o Polo Aeroespacial de Galicia e trasladar unha invitación formal para que unha delegación do país visite estas instalacións en Rozas (Castro de Rei).

Encontro empresarial Galicia-Colombia

Neste primeiro día de estancia en Bogotá, Conde tamén ten previsto participar nun encontro empresarial que contará coa presenza da ministra de Comercio, Industria e Turismo de Colombia, Ximena Lombana Villalba. Un encontro para poñer en valor o potencial que en Galicia teñen sectores como o naval, o TIC e o contract, así como a aposta que a Xunta está a facer polo binomio industria-sustentabilidade e por dar a máxima confianza e facilidades administrativas ás empresas para atraer investimentos.

Nun ano récord de vendas ao exterior como foi o 2021, no que Galicia superou por primeira vez a barreira dos 25.000 millóns de euros, Colombia ocupa neste momento o sétimo posto nas vendas galegas a Latinoamérica, con 632 empresas exportadoras, un 36 por cento máis que en 2020.

Reunión coa ministra das TIC

O vicepresidente económico rematará a xornada cunha xuntanza coa ministra de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Colombia, Carmen Ligia Valderrama, a quen lle proporá crear un comité de expertos TIC Galicia-Colombia que analice vías de traballo conxunto e intercambio en áreas nas que Galicia xa ten avances significativos. É o caso das solucións TIC desenvolvidas pola Xunta no ámbito da administración pública e a sanidade, coa receita electrónica ou a historia clínica.

Conde explicou que o sector TIC é moi importante nesta misión comercial polas oportunidades de crecemento que existen e por ser Medellín un ecosistema de referencia internacional onde a Xunta —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)— xa organizou en 2019 o Foro de Compra Pública Innovadora. Por iso, adiantou que tamén ofrecerá ao Ministerio TIC de Colombia participar en proxectos como o Polo Aeroespacial de Galicia ou a Cidade das TIC.