A Xunta de Galicia participa en Málaga no principal encontro de I+D+i do sur de Europa

2022-02-12
  • Contará cun mostrador propio no evento, ao que acudirá acompañado de varios axentes do sistema galego de innovación, e intervirá en varias sesións do programa de innovación internacional

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022.- A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia participará a vindeira semana, os días 16 e 17 de febreiro, na undécima edición do Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i do sur de Europa que se celebra en Málaga. O obxectivo deste evento é compartir coñecemento científico e tecnolóxico, promover a innovación e conectar ciencia e empresa. A Adminsitración galega contará cun mostrador propio na feira, á que acudirá acompañada de diversos axentes do sistema galego de innovación, e intervirá en varias sesións do programa de innovación internacional para debater e poñer en valor os programas e instrumentos galegos de apoio á transferencia de coñecemento e o emprendemento.

En concreto, a Xunta de Galicia, representada pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), presentará os instrumentos de fomento do emprendemento, como o modelo de aceleradoración da innovación das business factories e o programa ViaGalicia que promove xunto ao Consorcio Zona Franca de Vigo, así como os instrumentos de impulso á transferencia do coñecemento e a súa experiencia no uso da Compra Pública Innovadora (CPI) para promover a innovación desde a Administración. Súmanse tamén á delegación galega, ademais das universidades, centros tecnolóxicos e organismos de investigación, startups incubadas ou aceleradas ao amparo das business factories e o fondo Ignicia proba de concepto, que participarán activamente nas mesas de networking.

Programa de innovación internacional

No marco do programa do evento, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey intervirá en dúas mesas redondas: unha sobre financiamento privado de proxectos de I+D e casos de éxito de alto impacto social xunto a, entre outros relatores, Mabel Loza en representación da Fundación Kaertor; e nun coloquio sobre a xestión dos fondos europeos polas administracións territoriais, moderado por Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Pola súa banda, a directora da área de Servizos da Axencia, Patricia Fernández, participará nunha mesa redonda sobre financiamento público e privado para o fomento da I+D empresarial e a directora da área de Centros da Axencia, María José Mariño, presentará o programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza no marco dunha mesa de diálogo sobre contornas de colaboración para transformar ciencia e coñecemento en innovación.

Sobre o foro

A Axencia Galega de Innovación participa por segunda vez neste evento que reuniu ata agora a máis de 30.000 profesionais, e que porá en común as principais iniciativas que se están levando a cabo en materia de transferencia de coñecemento e investigación a nivel internacional. O encontro permitiralle aos axentes do ecosistema de innovación establecer contacto con potenciais socios, alianzas e sinerxías, así como dar a coñecer novos produtos, servizos e proxectos disruptivos. Como novidade desta edición, prestaráselle especial atención ás oportunidades que ofrecen os fondos europeos e incorpora unha Boosting zone, impulsada por CDTI, e enfocada a dinamizar a transferencia.

Máis información sobre o foro: www.forotransfiere.com