A Xunta apoia a contratación de 15 doutorandos industriais que realizarán a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos

2022-01-06
  • Cunha axuda total de preto de 1,9 M€, a convocatoria que vén de resolverse permitirá seguir apostando polo talento e a creación de emprego de calidade
  • As axudas cobren os gastos de contratación e os relacionados co proxecto no que se inscribe, así como para a realización dunha estadía no estranxeiro

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de resolver a primeira edición do programa de Doutoramento Industrial, unha convocatoria conxunta da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que incide na aposta polo talento e o emprego de calidade da Administración autonómica.

Cunha axuda total de 1.854.000 euros permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do sistema universitario galego para que desenvolvan a súa tese de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos galegos no período 2021-2024. En concreto, doce persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos, en áreas de coñecemento como as Ciencias da Saúde, as TIC, a Química, a Enxeñaría e outras ciencias.

O persoal investigador contratado deberá estar inscrito nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vencellado a este programa. Así, o 20% das persoas contratadas corresponden á Universidade da Coruña, o 53% á Universidade de Santiago de Compostela e o 27% restante á Universidade de Vigo.

Ademais, o proxecto de investigación no que se sustente a tese de doutoramento deberá orientarse a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolla, favorecendo así a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a formación da mocidade investigadora e a súa inserción laboral.
As axudas cobren tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Este programa vén completar as medidas que a Xunta está a poñer en marcha co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no ámbito da I+D+i para fortalecer a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades e favorecer a transferencia dos resultados ao tecido produtivo. Así, súmase a outros programas como o Principia, que permitiu a contratación de 644 persoas en empresas e organismos de investigación; o programa Oportunius que axudou a realizar contratos a 9 gañadores de axudas do ERC; Talento Sénior, que impulsou a contratación de 47 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria profesional de máis de cinco anos; Ignicia, que favoreceu a creación e mantemento de máis de 120 empregos cualificados grazas ao apoio a proxectos de investigación con potencial de chegar ao mercado; ou os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade acaba de convocar as axudas do programa Investigo, que incentivará a contratación de ata 585 persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación nas universidades públicas, organismos de investigación, centros tecnolóxicos, parques científicos e empresas que invistan I+D+i. O prazo de solicitude está aberto ata o 3 de febreiro e o procedemento de concesión é por orde de presentación. A iniciativa forma parte do Plan Emprega Xuventude co que a Xunta promoverá en 2022 actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas. Dotado cun total de 51,8 millóns de euros, nace como iniciativa para apoiar a contratación e a formación da mocidade galega.