A Xunta apoia a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas da provincia de Ourense

2021-12-22
  • Alén sinalou que esta empresa resultou beneficiada da liña de axudas da Vicepresidencia segunda, dentro do programa DeseñaPeme, cun importe de 35.566 euros
  • Explicou que este tipo de axudas están concibidas para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa
  • Veigas de Sabugueiro é unha microempresa agroalimentaria, emprazada no lugar de Sanguñedo, creada en 2011 co obxectivo de aproveitar os recursos que proporciona o sabugueiro cultivado en Galicia

Ourense, 22 de decembro de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, a empresa Veigas de Sabugueiro, beneficiada da liña de axudas da Vicepresidencia segunda dentro do programa DeseñaPeme cun importe de 35.566 euros.

O delegado territorial explicou que este tipo de axudas están concibidas para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa.

Gabriel Alén sinalou que o programa DeseñaPeme busca consolidar a cultura da innovación e o deseño no tecido empresarial de Galicia para dar resposta aos retos actuais, en liña co que marca Europa. O obxectivo, engadiu, é crear un ecosistema galego de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico de Galicia.

Segundo explicou, potenciará actuacións como a construción de grupos multidisciplinares de co-creación para establecer pontes entre a ciencia e a tecnoloxía e a arte e a cultura co deseño como nexo condutor; o desenvolvemento de novos produtos, servizos e modelos de negocio que se constitúan como exemplos de deseño para a innovación e a sustentabilidade; así como accións para favorecer o recoñecemento, visibilidade e difusión de empresas e profesionais que aposten por estes elementos para a mellora do benestar social e a competitividade empresarial.

Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto a poñer en marcha nas empresas beneficiarias: concepción e desenvolvemento de produtos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial; concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico; e formulación de proxectos de identidade corporativa e marca, con especial atención á representación de valores sustentables e innovadores.

A empresa

Veigas de Sabugueiro trátase dunha microempresa agroalimentaria, emprazada no lugar de Sanguñedo, creada en 2011 co obxectivo de aproveitar os recursos que proporciona o sabugueiro cultivado en Galicia. Elabora unha polpa de bagas de sabugueiro maduras e seleccionadas a partir da que desenvolve a súa liña principal de produtos, as marmeladas e licores, baixo a marca Carabuñas, que tamén se utiliza para comercializar bombóns e infusións. Dispón doutras liñas nas que emprega as flores, como o concentrado de flores baixo a marca Cordial de Sabugueiro, desenvolvida en colaboración con Agacal.

A empresa conta con experiencia en actividades de deseño para a innovación, ao tratarse dun dos seus signos de identidade. Coidan moito a imaxe da marca, a través da seu logo e do packaging. Teñen certo recorrido en temas de innovación, cun proxecto subvencionado por Innovapeme 2020 e un proxecto piloto do Agacal, ambos da convocatoria 2020. Participou en programas de aceleración e ten recibido diferentes premios e recoñecementos.

Reunión cos alcaldes de Vilar de Santos e Rairiz de Veiga

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou a súa estadía na comarca da Limia para manter reunións de traballo co alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, e coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, onde analizou as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.

No caso do municipio de Vilar de Santos, o delegado territorial puxo en valor os recentes investimentos da Xunta no concello como os da Consellería do Medio Rural de 29.350 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcelas agrícolas; os da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de 63.000 euros para a humanización e mellora nas rúas do Forno e do Seixo, e de 24.690, 50 euros para o proxecto de corrección de impacto visual nos núcleos tradicionais incluído na ruta de Parada e mellora dos elementos patrimoniais comunais asociados; ou a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de 40.000 euros para mellorar a rede de abastecemento de auga en Laioso.

En canto ao concello de Rairiz de Veiga, o delegado territorial tivo a ocasión de analizar xunto coa súa rexedora, Josefa Asunción Morgade, as necesidades do seu concello e as aportacións do Goberno galego, como o caso das axudas de preto de 40.000 euros do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas da Consellería do Medio Rural; ou os case 12.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a reparación e mellora de sendeiros e a súa divulgación dentro das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera.