A Xunta destina 4M€ a promover nove proxectos de investigación relacionados coa pandemia a través do programa Conecta Covid

2021-12-18
  • Oito dos proxectos apoiados son de I+D e o noveno correspóndese con innovación en produto, implicando a un total de 29 entidades galegas e acadando un importe mobilizado de preto de 5 millóns de euros
  • As iniciativas están orientadas ao mercado e á mellora da competitividade das empresas galegas, contribuíndo ao mesmo tempo ao impulso da transición dixital do tecido empresarial galego e á recuperación económica

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia apoia nove proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados a facer fronte á pandemia da covid-19 no marco do programa de axudas Conecta Covid. Así, oito destas iniciativas están relacionadas coa I+D, mentres que a novena enmárcanse no eido da innovación en produto.
O Goberno galego destina un investimento de 4 millóns de euros a esta convocatoria, coa que se mobilizarán 4,9M€ grazas á colaboración público-privada. Nos nove proxectos seleccionados están implicadas 29 entidades galegas, incluídas as tres universidades galegas, e todos eles están orientados ao mercado e á mellora da competitividade das empresas galegas, contribuíndo ao mesmo tempo ao impulso da transición dixital do tecido empresarial galego –especialmente das pemes–, e polo tanto á recuperación económica de Galicia.

Entre as solicitudes presentadas á convocatoria Conecta Covid, promovida pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destacan, entre outros, sistemas de desinfección intelixente, plataformas de apoio a doentes baseada na intelixencia artificial ou mecanismos de predición temperá de actividade anti covid-19 sobre biomoléculas presentes en fungos e microalgas.
Neste sentido, todos os proxectos están aliñados cos obxectivos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife, ambos os dous axentes colaboradores na convocatoria e desenvolvemento do programa de axudas que fomenta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. A colaboración destes dous Hubs permitirá canalizar os fondos dun xeito eficaz e eficiente, xa que poderán orientar os apoios ás necesidades reais do tecido empresarial e avanzar no modelo galego de especialización intelixente.
Así, a intensidade da axuda que recibirán os proxectos apoiados depende da liña e do tamaño das empresas implicadas, podendo recibir as empresas ata o 80% do total do investimento. Ademais, poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida e incluso do 100% no caso de que as iniciativas rematen este ano ou en 2022.

Proxectos seleccionados

Os oito novos proxectos de I+D seleccionados para ser impulsados pola Xunta de Galicia a través dunha axuda total de 3,6M€ son:

  • COVILED: sistema de desinfección intelixente para o control da propagación aérea da covid-19.
  • COPERIA: plataforma de apoio a pacientes afectados pola covid persistente baseada na intelixencia artificial.
  • BioTICfinder: solucións diagnósticas e terapéuticas de segunda xeración fronte á enfermidade.
  • CO3 (COSMÉTICA ACTIVA CONTRA OS CORONAVIRUS, SOLUCIÓNS A LONGO PRAZO): pretende, en base a unha mestura sinérxica complexa de ingredientes naturais, desenvolver produtos de cosmética de mans e facial con capacidade antiviral de amplo espectro.
  • NANOFLUIDETEC: enfocado á detección rápida e automatizable para á covid-19 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica.
  • DIGITAL-BIOCoV: orientado á predición temperá de actividade anti covid-19 sobre biomoléculas presentes en fungos e microalgas.
  • PROTEX: sistema de investigación e dixitalización do proceso de obtención de novos coatings ecosostibles baseados en micro/nanofibras de celulosa con funcionalidades antimicrobianas, antivirais ou hidrofóbicas, para a súa aplicación en téxtiles de protección e sanitarios.
  • NANODCOV: desenvolvemento de nanoterapias para a prevención e tratamento da covid-19.