A Xunta destaca en Monforte de Lemos a importancia de xerar unha cultura innovadora nas pemes da Ribeira Sacra para aumentar a súa competitividade

2021-11-30
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no concello lugués na parada que realizou a iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer 18 concellos de Galicia
  • Na cita de hoxe contouse coa experiencia de tres casos de éxito como Codeor, A Man de Prado e Mieles Anta
  • O programa chegará mañá, mércores 1 de decembro, a Chantada e o vindeiro xoves 9 rematará a xira en Meira
  • Dos tres coworkings que acollerá a provincia de Lugo no primeiro trimestre de 2022, un desenvolverase na Ribeira Sacra, onde o programa xa colaborou no desenvolvemento de 85 proxectos nesta comarca

Monforte de Lemos (Lugo), 30 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe durante a parada de Camiño da innovación en Monforte de Lemos a importancia desta iniciativa para xerar unha cultura innovadora no tecido empresarial da Ribeira Sacra e identificar os proxectos de pequenas e medianas empresas que poden ter un percorrido a través da innovación para gañar competitividade.

“A competitividade das pemes está directamente relacionada cos investimentos en innovación e, nese sentido, temos a responsabilidade de achegar as iniciativas en materia de deseño, de posicionamento da marca e de mellora de produto e procesos aos autónomos e pequenas e medianas empresas para que poidan diferenciarse e sigan tendo esa proxección dentro dos mercados”, explicou.

Neste sentido, asegurou que a Ribeira Sacra, desde o punto de vista dos seus sectores produtivos, “ten unha enorme oportunidade para seguir proxectando novos proxectos vinculados coa innovación e a xeración de emprego”.

Logo de visitar Vilalba e Cervo a comezos deste mes, Camiño da Innovación volveu hoxe a Lugo para continuar en Monforte de Lemos a súa ruta polos 18 concellos galegos que ten previsto percorrer entre os meses de novembro e decembro da man da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). O programa chegará mañá, mércores 1 de decembro, a Chantada e, tras facer parada o xoves 2 en Melide, o vindeiro xoves 9 está previsto que a xira remate no concello lucense de Meira.

Impulsar o emprendemento

Co ánimo de contribuír a este fomento da cultura innovadora no tecido empresarial, sobre todo do rural, e trasladar as oportunidades que presenta a innovación para transformar e a emprender un proxecto de negocio, a Xunta de Galicia implantará unha rede de coworkings no primeiro trimestre de 2022.

Dos tres espazos que acollerá a provincia de Lugo, un desenvolverase na Ribeira Sacra, tendo a súa sede en Monforte, onde o programa xa colaborou no desenvolvemento de 85 proxectos nesta comarca –no conxunto da provincia foron 192 as iniciativas apoiadas–. Os outros dous coworkings terán lugar na Mariña (en Mondoñedo) e en Palas de Rei.

Así mesmo, o Goberno galego tamén impulsa o programa de axudas Galicia Emprende, que o ano pasado axudou á posta en marcha de catro proxectos empresariais na provincia de Lugo, os cales mobilizaron 1,9 millóns de euros e permitiron a creación de 27 postos de traballo.

Exemplos próximos

Ademais do asesoramento personalizado da man dos técnicos de Gain, Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais. Na cita de hoxe en Monforte contouse coa presenza de Codeor –empresa de Pereiro de Aguiar especializada na fabricación de calzado profesional e de farmacia–, A Man de Prado –unha adega de Sober pertencente á D.O Ribeira Sacra– e Mieles Anta, de Bóveda.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.