Conde destaca o potencial de Galicia e Norte de Portugal para consolidar a súa colaboración e traballar no desenvolvemento dun polo innovador

2021-11-29
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala que todos os esforzos como Eurorrexión teñen que estar centrados “en sumar capacidades e talento”
  • Destaca as posibilidades en eidos como a mobilidade do futuro, a enerxía do mar, a industria agroalimentaria, a biotecnoloxía ou o Camiño de Santiago
  • No marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T), desenvolvéronse 1309 proxectos que permitiron captar 598,2 millóns de euros de financiamento europeo, mobilizando 670,7 millóns de euros
  • O vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-Norte), Beraldino Pinto, avoga por reforzar a cooperación empresarial e a interacción das empresas da Eurorrexión co sistema de investigación e desenvolvemento

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou, no segundo foro da RIS3 Transfronteiriza A innovación Galicia-Norte de Portugal ante os novos retos, as oportunidades para consolidar a colaboración e traballar no desenvolvemento a ambos lados do Miño dun polo de innovación conxunto, que faga a Eurorrexión punteira en eidos como a mobilidade do futuro, a enerxía do mar, a industria agroalimentaria, a biotecnoloxía e o fomento do envellecemento activo, ou a nivel turístico, en torno ao Camiño de Santiago.

Conde sinalou que todos os esforzos como Eurorrexión teñen que estar centrados en sumar capacidades e talento, en plena transición ecolóxica e dixital, e, neste contexto, sinalou que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3T) é unha folla de ruta moi sólida para encarar conxuntamente este escenario. Un traballo no que colaboraron máis de 1500 axentes de innovación de Galicia e Norte de Portugal que participaron nos diferentes grupos de traballo e nos 14 talleres de capacitación e conferencias que se convocaron. No período 2014-2020 desenvolvéronse 1309 proxectos que permitiron captar 598,2 millóns de euros de financiamento europeo, mobilizando 670,7 millóns de euros.

O vicepresidente económico sinalou que Galicia e a Rexión Norte de Portugal comparte con Galicia a necesidade de contar cun ecosistema de innovación consolidado e aberto ás necesidades do tecido produtivo. E, a este respecto, indicou que en Galicia ese esforzo vai dando os seus froitos, e así, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística publicados a pasada semana, o investimento en I+D na Comunidade medrou un +2,3%, un punto máis que a media estatal (+1,3%). Alcanzáronse os 641,7 millóns de euros, que supoñen o nivel máis alto de toda a serie histórica. Consolídase así un crecemento ininterrompido desde 2014, cando eran 477,3 millóns de euros. No tempo no que se desenvolveu a RIS3 Transfronteiriza (2014-2020), o investimento en I+D en Galicia medrou un 34,4%, máis de 10 puntos por enriba da media nacional (+23%).

No acto, no que tamén estivo presente o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida, o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-Norte), Beraldino Pinto, fixo fincapé en que os avances e resultados alcanzados no ciclo de políticas que agora remata son un estímulo para que a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal continúe cunha estratexia de especialización intelixente conxunta, marcando, unha vez máis, positivamente o mapa ibérico y europeo de cooperación territorial.

Apuntou tamén que na estratexia da Eurorrexión para 2021-2027 e no seu plan de investimentos conxuntos, se renova esta aposta, asumindo as novas bandeiras da política de cohesión, a dixitalización e a descarbonización da economía, a transición enerxética e as alteracións climáticas. Ademais, subliñou que é importante reforzar a cooperación empresarial e a interacción das empresas da Eurorrexión co sistema de investigación e desenvolvemento dando máis músculo de innovación ao tecido produtivo, reforzando a súa competitividade e orientando estes instrumentos de financiamento para o apoio e a implementación da RIS3 Transfronteiriza.