A Xunta destaca que o grupo Zendal é un bo exemplo de que Galicia reúne as capacidades necesarias para integrarse no Perte de medicina personalizada

2021-11-18
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe en Vigo aos II Premios Internacionais Zendal, onde agradeceu ao grupo farmacéutico e aos galardoados o traballo realizado, especialmente desde o inicio da pandemia
  • Salientou que a biotecnoloxía xoga un papel determinante na nova folla de ruta a seguir para a reconstrución económica

Vigo, 18 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu hoxe en Vigo aos II Premios Internacionais Zendal, grupo farmacéutico ao que puxo como exemplo de que Galicia reúne as capacidades necesarias para integrarse no Proxecto estratéxico e transformación económica (Perte) de Medicina Personalizada que comprometeu esta mesma semana o Goberno.

Así, Conde asegurou que Galicia conforma un dos polos bioemprendedores máis activos, polo que a Xunta, en colaboración co Clúster da Saúde, ten identificados varios proxectos para lanzar unha candidatura conxunta aos fondos europeos Next Generation que sumaría un investimento de preto de 500 millóns de euros. Entre estas iniciativas, enmárcase precisamente o proxecto de Zendal –centrado na fábrica de vacinas (111M€)–, que xeraría un importante efecto tractor e permitiría a Galicia consolidar a súa posición ante unha futura convocatoria do Perte.

Facendo referencia aos case dous anos que van de loita contra a pandemia, Conde asegurou que a biotecnoloxía xoga un papel determinante na nova folla de ruta para a reconstrución económica, polo que salientou o compromiso da Xunta de Galicia con esta industria a través da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico (2021-2025). Unha iniciativa que prevé mobilizar 660M€ co obxectivo de vertebrar a todos os axentes da cadea de valor para, desde o esforzo colectivo, apoiar novas empresas, internacionalizar as existentes e apostar polo talento.

Neste sentido, o vicepresidente económico avogou por seguir impulsando un ecosistema de ciencia e de I+D+i que estea conectado a retos actuais como a transición ecolóxica, o cambio climático e o envellecemento activo, ao mesmo tempo que puxo en valor o traballo realizado, especialmente desde o inicio da pandemia, por investigadores, centros de coñecemento e empresas como os hoxe premiados: o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker), recoñecido polos seus avances no diagnóstico e control de enfermidades animais; o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materias Moleculares (Ciqus), valorado polo seu traballo na busca dunha vacina contra a covid-19; e María Antonia Blasco, directora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, a quen se lle recoñeceu a súa traxectoria científica dedicada a poñer luz na investigación contra o cancro.