A Xunta difunde as vantaxes de innovar entre as pemes de Ponte Caldelas a través da iniciativa "Camiño da Innovación"

2021-11-18
  • A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou hoxe no municipio pontevedrés neste proxecto no que se contou coa experiencia de Algas Atlánticas Algamar e Kiwi Atlántico
  • O obxectivo desta xira é impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas situadas fóra dos núcleos urbanos para mellorar a súa competitividade

Ponte Caldelas (Pontevedra), 18 de novembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apuntou hoxe en Ponte Caldelas, no marco da iniciativa Camiño da innovación, que a innovación está ao alcance de todas as empresas, e instou ás pemes das comarcas do Morrazo, Salnés, Pontevedra e Vigo a innovar para ser competitivas, xa que a innovación determina a capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar.

Neste sentido, Argerey apuntou que as pequenas e medianas empresas, como motor da economía galega, supoñen unha prioridade máxima para a Xunta de Galicia e sinalou que, para acompañalas no proceso da innovación, púxose en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca esta iniciativa do Camiño da innovación.

Ademais, a directora de Gain apuntou que para que funcione o proceso innovador é clave a colaboración –entre sectores, centros de coñecemento e empresas-, outro dos eixos prioritarios nos que está a actuar a Administración.

Camiño da Innovación realizará 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

As próximas paradas desta iniciativa serán a semana que vén en Salvaterra de Miño (o luns 22), Ribadavia (martes 23), San Cibrao das Viñas (mércores 24) e Xinzo da Limia (xoves 25). En cada parada ofrécese asesoramento personalizado a pemes e microempresas –mediante cita previa– da man de técnicos de Gain para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

De primeira man

Ademais, Camiño da innovación presenta tamén a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes locais que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.
Na cita de hoxe en Ponte Caldelas participaron as empresas Algas Atlánticas Algamar
—especializada na recolección, secado e elaboración de algas mariñas para uso alimentario- e Kiwi Atlántico —a maior produtora de kiwi de España-.