A Xunta anima na Estrada ás pemes e microempresas galegas, especialmente do rural, a apostar pola innovación para chegar a novos mercados

2021-11-17
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no municipio pontevedrés na iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer 18 concellos de Galicia
  • Sinala que a competitividade dunha empresa crece de forma proporcional ao que inviste en innovación, independentemente do seu sector ou tamaño

A Estrada (Pontevedra), 17 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe na Estrada, na súa participación na iniciativa Camiño da innovación, que a competitividade dunha empresa, independentemente do sector ou tamaño, crece de forma proporcional ao que inviste en innovación.

A Estrada acolle a oitava das 18 paradas previstas entre os meses de novembro e decembro nesta iniciativa, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), co ánimo de facer accesible a innovación ás pemes e microempresas galegas e, concretamente, ás que desenvolven a súa actividade no rural.

Neste sentido, Conde apostou pola colaboración público-privada para incentivar a chegada das compañías a novos mercados a través da innovación, tendo en conta que o groso do tecido empresarial de Galicia está composto por pequenas e medianas empresas e autónomos que non poden permanecer alleos a este factor.

“Nun contexto de fondos europeos, as pequenas e medianas empresas teñen que aproveitar a ocasión para modernizar os seus proxectos e investir en innovación, unha cuestión que, no caso do rural, é moi importante para fixar e captar poboación e, polo tanto, para que haxa unha xanela aberta para desenvolver proxectos innovadores que permitan ese desenvolvemento económico que todos estamos buscando”, manifestou.

Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Gain. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica.

O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa para elaborar unha folla de ruta coa que poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Exemplos próximos

Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais. Na cita de hoxe na Estrada contouse coa presenza de Ausavil –dedicada á fabricación e venda ao por maior de maquinaria e accesorios para o sector forestal, xardinería, horta ou enoloxía– e Orballo Innovaciones Forestales –especializada no cultivo cen por cento ecolóxico de plantas para a produción de infusións e especies aromáticas–.

Dous exemplos, tal e como salientou o vicepresidente segundo, que lembran a riqueza que achega o sector forestal ao medio rural e as oportunidades que hai nel para fixar industria.

O programa chegará mañá, xoves 18, ao concello pontevedrés de Ponte Caldelas, mentres que o próximo luns 22 se prevé que se desenvolva en Salvaterra de Miño, acompañando ao tecido empresarial galego para que poida dar o salto dixital, modernizarse e emprender proxectos no eido da sustentabilidade, ao tempo que, no contexto dos fondos europeos, se busca que as pemes sexan beneficiarias directas das axudas.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.