Galicia contará cun investimento de 19,6 M€ para seguir avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas

2021-11-14
  • A través destes plans complementarios de I+D+i do Estado asinados esta semana, Galicia terá a oportunidade de crear sinerxías con outras comunidades e coordinar as distintas capacidades para seguir modernizando a súa economía e transformando o modelo produtivo
  • O Goberno galego suma 9,6 M€ para continuar co seu obxectivo de facer da Comunidade un referente para o desenvolvemento e validación de tecnoloxías de comunicación cuántica con vocación de impacto en diferentes sectores produtivos
  • No eido da biotecnoloxía aplicada á saúde, traballará en novas ferramentas para diagnóstico, prognóstico e terapias de medicina personalizada
  • Destinará 10 M€ para investigación e innovación no eido das ciencias mariñas con especial interese na economía azul

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2021.- Galicia contará con 19,6M€ para seguir avanzando en proxectos e áreas estratéxicas que lle permitan impulsar a súa competitividade a través da investigación, como o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, a biotecnoloxía aplicada á saúde e ás ciencias mariñas.

A Comunidade participará en tres das catro primeiras áreas de I+D+i activadas polo Ministerio de Ciencia e Innovación no marco dos plans complementarios coas rexións españolas ligados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.
Os plans asináronse esta mesma semana no marco do Consejo de Política Científica, Tecnológica y de Innovación. O obxectivo é fomentar a coordinación das capacidades rexionais en investigación, construír sinerxías territoriais e apoiar proxectos de transformación económica territorial.

Así, Galicia, a través do Cesga, que será o encargado de coordinar as accións desde a nosa Comunidade, poderá avanzar, xunto con País Vasco, Cataluña, Madrid e Castela e León, ademais do CSIC, no eido das comunicacións cuánticas. Para logralo contará con 9,6M€ (3,4 corresponden a recursos propios da Administración galega).

O proxecto enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento e validación de tecnoloxías de comunicación cuántica con vocación de impacto en diferentes sectores produtivos. O investimento súmase ao convenio por importe de 11,6M€ asinado recentemente pola Xunta e o Cesga para despregar unha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas, así como aos 7M€ achegados polo Goberno galego e o CSIC para implantar o novo supercomputador Finisterrae III.

Galicia tamén aspira a que o Executivo central asigne fondos europeos Next Generation a este Polo cuxos avances permitirán acelerar o desenvolvemento económico grazas ás aplicacións destas tecnoloxías en medicina, medio natural, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción ou loxística.

Por outra parte, Galicia poderá seguir avanzando na biotecnoloxía aplicada á saúde dentro dun programa de colaboración con País Vasco, Cataluña, Castela – A Mancha e Estremadura para desenvolver ferramentas para diagnóstico, prognóstico e terapias de medicina personalizada.

Non recibe asignación económica por parte do Estado, pero Galicia contribuirá como socio estratéxico achegando as capacidades de institucións como a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, os institutos de investigación (Insituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur), o Sergas, a Fundación Kaertor, a Business Factory Medicines (BFMedicienes), a plataforma Innopharma, o Grupo Zendal, o hub de innovación dixital DATAlife e o Cesga.

Por último, Galicia contará con 10M€ (4 de fondos propios) para traballar xunto con Andalucía, Cantabria, Murcia e a Comunidade Valenciana nunha estratexia conxunta de investigación e innovación en ciencias mariñas para abordar de xeito sustentable os novos desafíos na monitoraxe e observación, a acuicultura e outros sectores da economía azul, potenciando, ademais, o turismo costeiro e mariño.

Os avances en investigación nestas tres áreas estratéxicas permitirán seguir no camiño da modernización da economía galega, da transformación do modelo produtivo, da reconstrución económica sólida, inclusiva e resiliente e do posicionamento en nichos e tecnoloxías competitivas aproveitando as fortalezas galegas e potenciando o desenvolvemento da industria científica grazas á coordinación das capacidades rexionais.