A Xunta anima ás pemes da comarca da Coruña a innovar para ser competitivas e medrar

2021-11-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Bergondo na iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer 18 concellos de Galicia
  • O obxectivo desta xira é difundir as vantaxes de innovar entre as pemes situadas fóra dos núcleos urbanos para que se converta na esencia da súa competitividade

Bergondo (A Coruña), 10 de novembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou hoxe en Bergondo que “a innovación non é só cousa das grandes empresas, senón que está ao alcance de todas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector” e que “esta constitúe un factor clave para ser competitivas no mercado e facer fronte aos retos globais”.

A directora da Axencia, que interveu na iniciativa Camiño da innovación, apuntou que as pemes, como motor da economía galega, supoñen unha prioridade máxima para a Administración autonómica e sinalou que, para acompañalas no proceso da innovación, se puxo en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca a iniciativa que hoxe se desenvolveu en Bergondo.

O obxectivo deste programa é deseñar liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais que queren empezar a innovar e sistematizar a innovación; difundir a cultura da innovación entre as empresas para aumentar o número de pemes innovadoras galegas; xerar contidos formativos e ferramentas para axudarlles a valorar se están no momento de innovar e ofrecer casos de éxito de empresas innovadoras da contorna que sirvan de exemplo.

Camiño da innovación

No marco deste programa, unha das primeiras actuacións é a posta en marcha de Camiño da Innovación, un espazo de innovación que está a realizar 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

A próxima parada será mañá xoves en Ordes. En cada localidade –mediante cita previa– ofrécese asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Axencia para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, Camiño da innovación presenta tamén a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe en Bergondo participaron as empresas Miramar Cruises –que ofrece servizos de axencia de viaxes especializada na venda online de cruceiros, trens turísticos de luxo, paquetes turísticos e outros servizos asociados–; Proquiga –compañía de biotecnoloxía enfocada á industria alimentaria-; Genesal Energy –grupo empresarial dedicado ao sector da enerxía distribuída–; e Servicios Reunidos –empresa especializada na xestión e optimización do punto de venda–.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.