A Xunta destaca a importancia de contar neste contexto de transformación dixital coa confianza de empresas líderes no sector TIC como SoftwareOne

2021-11-10
  • Pon en valor que escollera Galicia e apostase por Galicia para instalar un dos dous novos centros de servizos para toda Europa
  • Segundo as previsións da empresa, este proxecto suporá a creación dun cento de postos de traballo cualificado nunha das áreas máis innovadoras do sector TIC, como son as aplicacións na nube

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, considerou hoxe que, no actual contexto de transformación dixital, é moi positivo que Galicia conte coa confianza de empresas líderes no sector TIC como é SoftwareONE.

Na inauguración do novo centro de aplicacións que esta empresa acaba de abrir en Santiago de Compostela, Conde puxo en valor que SoftwareONE escollera Galicia e apostase por Galicia para instalar un dos dous novos centros de servizos para toda Europa que trouxo a España.

O que se pon en marcha na capital de Galicia suporá a creación dun cento de postos de traballo cualificado nunha das áreas máis innovadoras do sector TIC, que son as aplicacións na nube. Segundo Conde, é, ademais, un proxecto co que Galicia sae gañando pola dobre aposta que esta empresa fai pola formación e o talento. Non en van, o 40% do seu cadro de persoal vai estar integrado por mozos sen experiencia laboral previa e nas súas instalacións disporá, tamén, dunha academia de software para fomentar talentos técnicos e apoiar as principais áreas de desenvolvemento da compañía.

O vicepresidente económico apuntou que, coa proliferación de servizos na nube, SoftwareONE converteuse en socio principal dos fabricantes de software máis importantes a nivel internacional. Con presenza en máis de 90 países, está enfocada a axudar as empresas no seu proceso de transformación tecnolóxica con servizos cloud para a administración de arquivos, a contabilidade ou a xestión de recursos humanos, entre outros.

Conde concluíu lembrando que a dixitalización é un dos eixes sobre os que debe pivotar a recuperación económica. E, por iso, os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinan 55M€ para que o tecido empresarial galego poida dar o salto dixital. Iniciativas como o Polo de Biotecnoloxía da Sionlla ou a Cidade das TIC da Coruña van contribuír a este obxectivo.