A Xunta defende nas Pontes que a innovación e a sostibilidade deben ir da man para que a industria e as pemes teñan novas oportunidades

2021-11-09
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no municipio coruñés na iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer 18 concellos de Galicia
  • Conde sinala que o obxectivo desta xira é difundir a innovación entre as pemes do rural galego e, neste caso, nunha comarca onde o impacto da transición enerxética se ten que traducir nunha alternativa para o desenvolvemento económico
  • Apunta que a Xunta busca acompañar as pemes galegas para que poidan dar o salto dixital, modernizarse e emprender proxectos no eido da sustentabilidade, e buscando que, no contexto dos fondos europeos, sexan beneficiarias directas das axudas

As Pontes (A Coruña), 9 de novembro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe nas Pontes, na súa participación na iniciativa Camiño da innovación, que o binomio innovación e sostibilidade teñen que ir da man non só a escala industrial senón tamén a nivel da pequena e mediana empresa para crecer e crear emprego.

As Pontes acolle a terceira parada de Camiño da Innovación, sendo o primeiro concello da provincia da Coruña que participa neste programa que ten como obxectivo difundir a cultura da innovación entre as pemes do rural galego e tamén que se poida “establecer unha colaboración directa entre o propio tecido produtivo e a Administración”. No caso das Pontes, tal e como salientou Conde, a xira é tamén unha alternativa para que a transición enerxética “se poida converter nunha oportunidade” para o tecido produtivo da comarca da que forme parte tamén a innovación.

No marco desta iniciativa, posta en marcha polo Goberno autonómico a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), realizaranse un total de 18 paradas entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados. O programa chegará mañá mércores ao concello coruñés de Bergondo, mentres que o xoves se prevé que se desenvolva en Ordes, acompañando ao tecido empresarial galego para que poida dar o salto dixital, modernizarse e emprender proxectos no eido da sustentabilidade, ao tempo que, no contexto dos fondos europeos, se busca que as pemes sexan beneficiarias directas das axudas.

Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos de Gain. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe nas Pontes contouse coa presenza de Ensamble Systems, dedicada á arquitectura modular eficiente; Biomasa Forestal (especializada na fabricación e comercialización de biocombustibles sólidos, maioritariamente pellets e estelas); Intaf Promecan, no sector da fabricación de bens de equipo e reparacións mecánicas; e Gairesa, centrada na fabricación de sistemas plásticos líquidos para a construción e outros sectores.

Tal e como salientou Conde, son catro exemplos nos que están moi presentes tanto a innovación como a sostibilidade, e son, polo tanto, unha boa mostra das oportunidades que pode xerar o contexto de transición ecolóxica que nas Pontes está a ter un impacto directo.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.