‘Camiño da innovación’ desprázase o xoves a Ordes para achegar as oportunidades de innovar ás pemes da comarca

2021-11-09
  • O tráiler da iniciativa estará situado na praza do Concello e nel ofrecerase asesoramento experto individualizado e formación a medida
  • Na cita contarase con casos de éxito de compañías locais innovadoras como Fachadas del Norte e TMC Cancela

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021.- A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), chega o próximo xoves 11 de novembro ao concello coruñés de Ordes. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

O tráiler deste programa pioneiro en Galicia estará dispoñible de 9,00 a 18,00 horas na praza do Concello, e contará coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web de Gain.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

Experiencia de primeira man

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán tres exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

En Ordes, a cita con compañías innovadoras terá lugar de 17,00 a 18,30 horas na sala do Concello, da man de Fachadas del Norte —dedicada á fabricación de sistemas de ancoraxe e fixacións para a colocación de fachadas ventiladas e aplacados pétreos e cerámicos-, e TMC Cancela —empresa fabricante de maquinaria agrícola, forestal e hidráulica-.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.