‘Camiño da innovación’ desprázase mañá Ás Pontes para achegar as oportunidades de innovar ás pemes locais

2021-11-08
  • As Pontes é unha das primeiras paradas das 18 que percorrerá un tráiler polas catro provincias galegas nos meses de novembro e decembro
  • Neste espazo ofrecerase asesoramento experto individualizado, formación a medida e casos de éxito de pemes innovadoras
  • Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes deseñado pola Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación, e dotado con 12 millóns de euros para animar ás pequenas, medianas e microempresas a investir en innovación

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021.- A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), chegará mañá martes, 9 de novembro, á Praza da Igrexa das Pontes, en horario de 9 a 18 horas. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán tres exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa. Nas Pontes, esta cita terá lugar de 13 a 14 horas no Concello e contará coa participación do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a directora de Gain, Patricia Argerey, e tres empresas seleccionadas como casos de éxito de innovación da contorna. Tanto a participación no encontro como o asesoramento require inscrición previa a través da páxina web de Gain.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

Esta actuación inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, dinamizaranse aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.