A Xunta achega 11,6M€ ao Cesga para poñer en marcha as primeiras actuacións do polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia

2021-09-30
  • O Consello deu luz verde, esta mañá, á sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) para financiar o despregamento dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da información que permita impulsar a I+D+i
  • O proxecto ten como obxectivo facilitar a recuperación no marco do contexto actual e apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos
  • As tecnoloxías cuánticas actuarán como elemento disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico grazas ás súas aplicacións en medicina, medio natural, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción ou loxística, entre outras disciplinas
  • O novo supercomputador Finisterrae III, apoiado pola Xunta e o CSIC con 7 millóns de euros, tamén será unha infraestrutura esencial para a posta en marcha deste Polo de Tecnoloxías Cuánticas co que Galicia aspira a que o Goberno lle asine fondos europeos

Santiago de Compostela.- O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) por importe de 11,6M€ para poñer en marcha as primeiras fases do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co que a Comunidade aspira a ser un referente neste eido de cara ao 2030.

Este acordo permitirá despregar as infraestruturas necesarias para a creación deste Polo de I+D+i en tecnoloxías cuánticas da información —a través dun simulador e un computador cuántico, un sistema de computación de altas prestacións e de almacenamento exclusivo para computación cuántica que estarán no Centro de Proceso de Datos do Cesga, en Santiago de Compostela-; situar o tecido de investigación, tecnolóxico e produtivo na vangarda desta tecnoloxía innovadora e de futuro; facilitar unha mellor recuperación dela no marco do contexto económico actual e apoiar a transición dixital dos sectores produtivos e de coñecemento galegos.

Así, impulsaranse proxectos de I+D+i asociados ás tecnoloxías cuánticas para a apoiar a transición dixital centrados no desenvolvemento de solucións para os sectores estratéxicos de Galicia; realizaranse estudos que avalíen a contorna nacional e internacional, así como de demanda e observación tecnolóxica; e organizaranse cursos de formación e eventos de difusión que acheguen as posibilidades destas tecnoloxías.

De feito, actuarán como un elemento tecnolóxico disruptivo, que acelerará o desenvolvemento económico en todos os sectores, ao ter innumerables aplicacións en medicina, medio natural, biotenoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas, entre outras disciplinas. Grazas á capacidade e velocidade de procesamento das tecnoloxías cuánticas, pódense resolver problemas computacionais en moi pouco tempo en relación cos superordenadores clásicos. Prevese que o seu impacto sexa maior que o que tivo a computación clásica durante os últimos 100 anos e un volume de negocio estimado de máis de 31.000 millóns de dólares de cara ao ano 2026.

Finisterrae III

A Xunta segue dando pasos para a posta en marcha deste Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, un camiño no que destaca a substitución no Cesga, este mesmo ano, do supercomputador Finisterrae II polo Finisterrae III. A nova infraestrutura contou cun investimento de 7 millóns de euros por parte da Xunta e o CSIC e permitirá resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo, o que supón multiplicar por 12 a capacidade do Finisterrae II. Será unha ferramenta esencial para os grupos de investigación, centros tecnolóxicos e tecido empresarial que poderán incorporar técnicas como a intelixencia artificial, o big data ou a analítica de datos na súa transición dixital.

Fondos Next Generation

A Xunta agarda que o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia poida obter o financiamento necesario cando o Goberno estableza cales son os criterios de repartición dos fondos Next Generation e cal é a intensidade da axuda.

O proxecto, cun investimento final estimado de 154M€, será unha peza clave da Estratexia Galega de Tecnoloxías Cuánticas que pretende liderar a Xunta de Galicia. Neste sentido, o Polo nace coa premisa de estenderse e consolidarse a nivel galego. De feito, terá no Cesga (Santiago de Compostela) o seu nodo principal.