A Xunta celebra o Festival Ares Innova 2021 para achegar a cultura innovadora a todos os públicos

2021-09-29
  • Comezará este venres 1 de outubro e continuará o sábado 2 e o venres 9 en Montefaro, Redes e Ares
  • A iniciativa busca implicar á comunidade local na busca de solucións compartidas a retos sociais, económicos e medioambientais a través dun modelo que será extrapolado a outros territorios de Galicia
  • As dinámicas de participación cidadá para a innovación social son un dos eixes da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia no período 2021-2027

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021.- A Xunta de Galicia organiza durante as dúas próximas fins de semana no concello de Ares o Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021, que busca achegar a cultura da innovación a públicos de todas as idades. O evento convertirá á vila coruñesa nun laboratorio para explorar en comunidade solucións compartidas a retos sociais, económicos e medioambientais, unha iniciativa piloto que será levada a outros concellos de Galicia.

A iniciativa comezará o venres 1 de outubro e continuará o sábado 2 e o venres 9 de outubro en Montefaro, Redes e Ares. O evento organízase no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024–Diferenza, e conta coa colaboración de numerosas entidades locais e de expertos en deseño estratéxico.

Así, a RIS3 galega para o período 2021-2027, en proceso de definición, quere ser pioneira en incorporar a capacidade da innovación de resolver os problemas máis próximos ás persoas, mediante novos produtos, servizos e modelos relacionados coa economía sustentable e colaborativa e a inclusión social. Neste marco, o festival impulsa a participación da comunidade local mediante unha serie de actividades que combinan deseño, arte, cultura e innovación.

Proxecto RuralLab

Un dos eixes principais do festival é o proxecto RuralLab, desenvolvido pola Fundación Didac e a Fundación Gabeiras co que colabora a Axencia Galega de Innovación (Gain), que ten como obxectivo buscar solucións de innovación rural mediante a participación cidadá nos ámbitos do turismo sustentable, o envellecemento activo e o emprendemento responsable.

Durante estas dúas semanas están a ter lugar residencias creativas e talleres de design thinking e creación conxunta nos que expertos en deseño estratéxico e innovación social colaboran con colectivos locais para canalizar a reflexión compartida, cuxos resultados serán presentados o día 9 de outubro, durante a xornada final do festival.

Ademais, durante o evento será presentada a RIS3 galega, xunto cunha mostra de proxectos galegos relacionados cos seus retos. Tamén se celebrarán talleres para o público familiar relacionados coa cultura maker e a sustentabilidade; charlas e faladoiros sobre a importancia de innovar; e accións creativas, mostras artísticas e espectáculos nos que se mesturarán a música, a danza e a artesanía. O programa completo pódese consultar xa na web de Gain.