A Xunta recoñece no evento G-Night o relevante papel do persoal investigador na sociedade

2021-09-24
  • A iniciativa celébrase en Galicia de xeito simultáneo nas cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo e en máis de 360 localidades de toda Europa
  • O Goberno galego apoia este evento no marco das iniciativas de divulgación da ciencia e de fomento das vocacións científicas entre a mocidade

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta tarde as actividades que se desenvolveron no Vello Cárcere de Lugo no marco da Noite europea das persoas investigadoras (G-Night). Esta cita, que se celebra simultaneamente nas cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo e, a nivel europeo, en máis de 360 localidades, forma parte dunha iniciativa para dar a coñecer o valor do traballo desenvolto polas científicas e científicos á sociedade.

O Goberno galego apoia este evento no marco do seu impulso á divulgación científica e ao fomento das vocacións científicas entre a mocidade. Neste senso, a directora de Gain quixo destacar o relevante papel que xogan as investigadoras e investigadores na sociedade, un recoñecemento que se viu reforzado tras a pandemia. “O capital humano é o elemento máis importante para progresar como país e, de aí, a aposta pola formación, captación e retención do persoal dedicado a tarefas de I+D+i nos centros de investigación e empresas galegas”, sinalou.

En Galicia hai máis de 11.000 persoas dedicadas a tarefas de I+D, cifra segundo datos da estatística sobre gasto en I+D do INE relativos a 2019, a mellor cifra da serie histórica e está a medrar por riba da media nacional. Destas 11.000 persoas, máis de 6.700 son persoal investigador e, deste, preto do 41% son mulleres, o que constata o incremento na incorporación de mulleres á carreira investigadora, por riba da media española.

Así, a Administración autonómica ten desenvolvido unha serie de iniciativas para captar talento e crear emprego de calidade no eido da I+D+i, entre os que destacan o programa Principia –permitiu a contratación de 648 persoas mozas en empresas e organismos de investigación–; Oportunius –axudou a realizar 5 contratos–; ou Talento Sénior –impulsou a contratación de 49 profesionais de alta cualificación cunha traxectoria de máis de 5 anos–.

Tamén o programa Ignicia –favoreceu a creación ou mantemento de máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos con potencial de chegar ao mercado–; e os programas de apoio predoutoral e posdoutoral que suman este ano 175 contratos, a maior convocatoria realizada en Galicia para estes dous programas.

Argerey subliñou a importancia de eventos como o desta tarde en Lugo para sensibilizar á cidadanía sobre o impacto da ciencia nas súas vidas cotiás e felicitou á organización polo labor de achegar a figura da científica e do científico á sociedade dun xeito lúdico e atractivo a través de eventos coma este, pero tamén do intenso traballo de divulgación científica que leva a cabo o grupo Xuvenciencia desde hai anos.

Divulgación e fomento das vocacións

Na súa aposta polo talento e o fomento das vocacións científicas, a Axencia Galega de Innovación apoia outras iniciativas como as Aulas Isidro Parga Pondal da Fundación Eduardo Pondal, a feira Galiciencia ou a proposta de estímulo do talento matemático Estalmat, neste último caso en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Ademais, conta cun programa propio no ámbito aeroespacial, Voando alto, sumando vocacións –no marco do Polo Aeroespacial de Galicia–, e co D´tec, centrado no ámbito do deseño, das tecnoloxías de realidade virtual e aumentada, materiais e industria 4.0.