Publicada a licitación para dotar o Polo Aeroespacial de Galicia dun simulador avanzado de xestión do tráfico aéreo

2021-09-03
  • Realízase por parte do CDTI en colaboración coa Xunta de Galicia e conta cun orzamento de 13M€
  • O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 23 de setembro
  • O obxectivo é acadar solucións tecnolóxicas que faciliten as operacións dos vehículos aéreos non tripulados en espazos aéreos compartidos con outros usuarios
  • Contribuirá a ampliar o mercado de usos civís dos vehículos non tripulados e a acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021.- A Xunta informa de que colabora co Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) do Ministerio de Ciencia e Innovación na licitación de Compra Pública Precomercial para dotar o Polo Aeroespacial de Galicia dun entorno de simulación avanzado de xestión do tráfico aéreo.

A licitación forma parte da Estratexia 2021-2025 da Civil UAVs Initiative e supón un avance no proceso do equipamento do Polo coa finalidade de convertelo nunha infraestrutura única na que se poidan verificar, testar e, no seu caso, certificar plataformas, instrumentos, sistemas ou aplicacións da industria dos vehículos non tripulados nun entorno seguro e controlado, creándose un espazo para a experimentación regulatoria.

O obxectivo da licitación é desenvolver unha infraestrutura de simulación avanzada que, facendo uso dos recursos xa operativos no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), así como das solucións tecnolóxicas desenvolvidas no período 2015-2020 do Polo Aeroespacial de Galicia, sexa capaz de proporcionar un sistema aberto e interoperable para a xestión de tráfico aéreo en operacións con vehículos non tripulados e a súa integración con vehículos tripulados.

O resultado final será un sistema que permita alcanzar a simulación en calquera escenario operacional. Agárdase ademais que a infraestrutura de simulación teña en conta dous aspectos fundamentais: por un lado, a interrelación dos servizos U-Space co Urban Air Mobility (Mobilidade Aérea Urbana) e as SmartCities; e por outro lado, que o simulador e os resultados obtidos no mesmo sexan un referente para a definición do marco regulatorio a nivel europeo e internacional.

Esta nova infraestrutura do Polo Aeroespacial de Galicia, que dará servizo á comunidade científica e tecnolóxica, permitirá que Galicia siga á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados e abre novas oportunidades para a participación das pemes e centros de coñecemento galegos na Civil UAVs Initiative.

A licitación, cofinanciada con fondos europeos, enmárcase na estratexia 2021-2025 da iniciativa e conta cun orzamento de máis de 13 M€ a executar en tres fases.

As solucións tecnolóxicas obtidas con este contrato contribuirán a desenvolver o Polo como epicentro da I+D+i aeroespacial en Galicia. Rozas avanza no obxectivo de converterse nun sandbox regulatorio, un entorno seguro para a realización de probas con vehículos non tripulados máis aló do permitido actualmente pola regulación, que permitirá avanzar en retos como a Mobilidade Aérea Urbana, entre outros.

O entorno de simulación facilitará así que o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) opere como infraestrutura de soporte para o desenvolvemento de tecnoloxía e de regulamentación, contribuíndo a ampliar o mercado de usos civís dos vehículos non tripulados e a acelerar a xeración de actividade económica e industrial deste sector.

O prototipo de simulador resultante será validado en entorno real pola Xunta de Galicia no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, onde permanecerá como demostrador tecnolóxico durante un mínimo de 5 anos.

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 23 de setembro e as empresas interesadas poden consultar a documentación que regula as condicións da convocatoria na páxina web www.civiluavsinitiative.com.

Consulta ao mercado

Previamente á publicación da licitación realizouse unha Consulta Preliminar ao Mercado (CPM) para obter información sobre a capacidade do mercado, sobre o estado da ciencia e a tecnoloxía así como para informar aos operadores económicos sobre os proxectos e os requisitos para futuras contratacións. Participaron na Consulta un total de sete empresas e consorcios.

O concepto U-Space

A Unión Europea traballa desde 2017 nun sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado propio, o denominado U-Space, deseñado para dar solución aos novos paradigmas de transporte que xurdirán nas cidades nos próximos anos froito da convivencia entre drons e vehículos aéreos convencionais.

Na implantación deste sistema de mobilidade aérea intelixente, que se desenvolve en catro niveis progresivos (U-1, U-2, U-3 e U-4) existen numerosos retos tecnolóxicos aos que dar resposta ata chegar á convivencia eficiente e segura dos vehículos aéreos non tripulados no mesmo espazo aéreo que as aeronaves convencionais con piloto.

Neste eido, na Unión Europea estase a traballar na proposta de solucións tecnolóxicas aos retos de seguridade que se identifiquen durante o proceso regulatorio para o uso de vehículos aéreos non tripulados (UAVs) en aplicacións civís, que faciliten as operacións dos drons en espazos aéreos compartidos con outros usuarios e que contribúan a eliminar as barreiras de acceso ao espazo aéreo mediante novas solucións tecnolóxicas e operacionais que permitan cumprir cos requisitos de seguridade establecidos polas autoridades aeronáuticas.

O entorno de simulación resultado desta licitación completará a infraestrutura do CIAR con funcionalidades para as fases máis avanzadas de U-Space (U-3 e U-4), nas que se poderán xestionar diferentes misións levadas a cabo con drons. O simulador permitirá analizar múltiples situacións a través de escenarios deseñados para reproducir contextos operacionais futuros en entornos de tráfico aéreo complexo, incluíndo a integración con vehículos non tripulados.

As tecnoloxías e os prototipos que se desenvolvan en torno á futura estrutura de simulación deberán contribuír a avanzar no desenvolvemento dun marco regulatorio europeo e global que facilite as operacións de vehículos aéreos non tripulados a baixa altura, favorecendo un despregue máis amplo do sector.