A Xunta e DATAlife asinan un convenio de colaboración para afianzar a transformación dixital das pemes galegas

2021-08-31
  • O Goberno galego destina máis de 290.000 euros á consolidación deste Hub como instrumento para lograr que a innovación dixital chegue ao tecido empresarial galego

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de asinar un convenio de colaboración co Hub de innovación dixital DATAlife co obxectivo de afianzar o crecemento desta entidade estratéxica para facer de Galicia unha rexión de referencia en Europa en bioeconomía, sustentabilidade e saúde. Así, o Goberno autonómico destina 291.420 euros para seguir apostando pola transformación dixital a través do apoio aos Hubs de Innovación Dixital galegos como xanelas únicas de acceso a tecnoloxías punteiras e demais ferramentas que permitan ás pemes avanzar cara a súa dixitalización.

A través deste convenio de colaboración, a Xunta de Galicia apoiará as actividades de xestión e coordinación de DATAlife co obxectivo de estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, en especial ás pemes. Entre as accións que se pretenden impulsar con este acordo atópanse a súa internacionalización –tanto a través da súa incorporación a redes e plataformas europeas de interese tecnolóxico como a súa colaboración con outros Hubs–; a creación dun ecosistema de innovación –a través da promoción de actividades de innovación colaborativa e de sensibilización en materia de dixitalización ou a colaboración con incubadoras e aceleradoras para o acompañamento e mentorización de startups, entre outros–; e o apoio á busca de financiamento. En concreto, o que se busca é ofrecer 30 servizos de matchmaking ou emparellamento e o apoio a 200 pemes ao ano no seu proceso de transformación dixital.

Este convenio é unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia coa consolidación dos Hubs de innovación dixital, un instrumento de colaboración público-privada fundamental para acadar unha integración efectiva das tecnoloxías dixitais na industria galega, especialmente nas pemes, contribuíndo así ao seu crecemento e competitividade e a converter Galicia nun referente tecnolóxico naquelas áreas con potencial. De feito, xa se levan destinado 28,8M€ desde 2019 á Estratexia dos Hubs de Innovación Dixital con medidas para promover a súa carteira de servizos e a súa actividade.

DATAlife é un dos dous Hubs galegos declarados estratéxicos e a súa actividade céntrase nos sectores agro-mar alimentación, forestal-madeira, coidados-saúde e biotecnoloxía, co obxectivo de facer de Galicia unha biorrexión de referencia en Europa.

Conta con 17 socios -Anfaco-Cecopesca, Bioga, Cesga, Cetim, Clúster de Acuicultura, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Clúster Saúde de Galicia, Clúster TIC, EnergyLab, Feuga, Finsa, Gradiant, Televés, Vodafone e Zendal e as universidades de Santiago e de Vigo- e traballa por facilitar ás pemes galegas a incorporación de tecnoloxías relacionadas coa intelixencia artificial, big data, internet das cousas, computación de altas prestacións ou ciberseguridade.