A Xunta selecciona dous proxectos de I+D desenvolvidos na Universidade de Santiago co obxectivo de levalos ao mercado

2021-08-20
  • Os proxectos seleccionados a través do programa Ignicia baséanse en innovacións no ámbito sanitario a través de implantes óseos avanzados e o desenvolvemento de novos vehículos peptídicos para a aplicación en terapia xénica
  • A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización
  • O Goberno galego, en colaboración coa Fundación Barrié, busca facilitar a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2021.- A nova edición do programa Ignicia Proba de Concepto, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de seleccionar dúas propostas de I+D deseñadas pola Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa Ignicia, pioneira en España e levada a cabo en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo principal apoiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos.

En concreto, trátranse dos proxectos Ecobone: implantes óseos avanzados mediante tecnoloxía supercrítica e TraffikGene: novos vehículos peptídicos para aplicación en terapia xénica.

A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización, apoiados polo asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. Posteriormente, os grupos de investigación recibirán unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar ditos plans ao mercado.

Tal e como sinalou a directora de Gain, Patricia Argerey, o obxectivo principal é “promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia”, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.

En total, foron sete os proxectos seleccionados nesta terceira edición do programa, á que se presentaron 28 iniciativas. O orzamento solicitado no seu conxunto ascende a 2,8 millóns de euros, o que implica un investimento medio de arredor de 400.000 euros. Así mesmo, contarán coa participación de máis de 30 investigadores.

Este instrumento de apoio económico permítelle compartir á Xunta de Galicia os riscos e beneficios de cada proposta, garantindo que as iniciativas exitosas xeren retornos para seguir investindo na transferencia de coñecemento dos organismos galegos en próximas convocatorias.

Trampolín de innovación

Nas dúas edicións anteriores, a convocatoria do Ignicia posibilitou, a través de 7M€, o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, desde a súa posta en marcha en 2016, xa están constituídas 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.

Con respecto aos proxectos premiados nas edicións pasadas impulsados desde a Universidade de Santiago, cabe destacar ás spin-off Liberabio –que utiliza a plataforma patentada por MPN Technology® para avanzar na utilización de biolóxicos médicos no tratamento personalizado do cancro–; Materiales Funcionales –que ten unha tecnoloxía para a conformación de pezas cerámicas con utilidade para a comercialización de biocatalizadores e implantes para a rexeneración ósea–; inVerbis Analytics –permite que empresas de consultoría, de certificación ou desenvolvemento de software, entre outras, poidan aplicar a minería de procesos ás súas propostas de valor–; e Celtarys Research –produce ferramentas químicas fluorescentes empregando unha metodoloxía eficiente e respectuosa co medio que permiten acelerar o descubrimento de fármacos–.

Descrición dos dous proxectos seleccionados en Ignicia 2021

  • ECOBONE: Implantes óseos avanzados mediante tecnoloxía supercrítica. O obxectivo xeral do proxecto ECOBONE é a valorización comercial dunha tecnoloxía para a preparación de implantes óseos sintéticos que sexan o benchmark en termos custo-beneficio, así como avaliar outros posibles usos desta tecnoloxía. Entidade: Universidade de Santiago de Compostela. Promotor principal: Carlos A. García González, Grupo I+D Farma e Grupo GIPA.
  • TRAFFIKGENE: Novos vehículos peptídicos para aplicación en terapia xénica. TraffikGene ten como obxectivo a transferencia a mercado dunha nova tecnoloxía, que facilita o transporte de material xenético (ADN, ARN) e proteínas funcionais (CRISPR/Cas) para a súa aplicación en terapia xénica. Entidade: Universidade de Santiago de Compostela. Promotor principal: Javier Montenegro, Grupo de Investigación Montenegro lab.