A Xunta selecciona catro proxectos de I+D desenvolvidos na Universidade de Vigo e centros de coñecemento da comarca co obxectivo de levalos ao mercado

2021-08-20
  • Os proxectos seleccionados a través do programa Ignicia están promovidos pola universidade viguesa, Aimen e Gradiant
  • A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización
  • O Goberno galego, en colaboración coa Fundación Barrié, busca facilitar a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio

Vigo, 20 de agosto de 2021.- A nova edición do programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de seleccionar catro propostas de I+D deseñadas por entidades da comarca de Vigo. Esta iniciativa, pioneira en España e levada a cabo en colaboración coa Fundación Barrié, ten como obxectivo principal apoiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos.

En concreto, dous dos proxectos gañadores están promovidos pola Universidade de Vigo –Celia: intelixencia conversacional para asistentes orientados á linguaxe e Surfacorn: aplicación do extracto biosurfactante obtido dos licores de lavado de millo para usos cosméticos e farmacéuticos–; pola Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste (Aimen) –Frontier: fibra óptica recuberta de metal de alta estabilidade para o monitoreo distribuído de infraestrutura de alta temperatura–; e polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (Gradiant) –Sense UAV: módulo anti-colisión multisensor integrado en UAVs–.

A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización, apoiados polo asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. Posteriormente, os grupos de investigación recibirán unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar ditos plans ao mercado.

Tal e como sinalou a directora de Gain, Patricia Argerey, o obxectivo principal é “promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia”, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.

En total, foron sete os proxectos seleccionados nesta terceira edición do programa, á que se presentaron 28 iniciativas. O orzamento solicitado no seu conxunto ascende a 2,8 millóns de euros, o que implica un investimento medio de arredor de 400.000 euros. Así mesmo, contarán coa participación de máis de 30 investigadores.

Este instrumento de apoio económico permítelle compartir á Xunta de Galicia os riscos e beneficios de cada proposta, garantindo que as iniciativas exitosas xeren retornos para seguir investindo na transferencia de coñecemento dos organismos galegos en próximas convocatorias.

Trampolín de innovación

Nas dúas edicións anteriores, a convocatoria do Ignicia posibilitou, a través de 7M€, o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, desde a súa posta en marcha en 2016, xa están constituídas 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.

Con respecto aos proxectos impulsados nas edicións pasadas deste programa na provincia de Pontevedra, cabe destacar a Alén Space, unha spin-off da Universidade de Vigo que fabrica nanosatélites de referencia en Europa e América Latina; Alice Biometrics –pertencente ao Centro Tecnolóxico Gradiant–, que supón unha solución de verificación da identidade automática para o proceso de embarque dixital; Ancora Mobile, outra spin-off da Universidade de Vigo que ofrece unha solución para aplicacións móbiles se se conecta directamente con máquinas ou calquera sistema produtivo para intercambiar información; e Biofast, unha tecnoloxía que foi transferida á multinacional Ziacom para comercializar un biomaterial obtido a partir de dentes de tiburón para a rexeneración ósea desenvolvida polo Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo.

Descrición dos catro proxectos seleccionados en Ignicia 2021

  • CELIA: Intelixencia conversacional para asistentes orientados á linguaxe. O proxecto pretende valorizar un motor conversacional ou chatbot con capacidades empáticas consistente en diversas librarías software, concibido segundo a filosofía de “deseño para todos”, e orientado a entretemento e monitorización terapéutica para persoas con capacidades limitadas de abstracción a través do acceso personalizado á información. Entidade: Universidade de Vigo. Promotor principal: Francisco Javier González Castaño, Grupo de Tecnoloxías da Información.
  • FRONTIER: Fibra óptica recuberta de metal de alta estabilidade para o monitoreo distribuído de infraestrutura de alta temperatura. O obxectivo xeral de FRONTIER é a transferencia ao mercado dunha tecnoloxía de deposición de recubrimentos metálicos protectores sobre sensores distribuídos de fibra óptica, moi demandados en varios sectores industriais. Entidade: Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste (Aimen). Promotor principal: Tania Grandal, Equipo de Sensores Fotónicos.
  • SENSE UAV: Módulo anti-colisión multisensor integrado en UAVs. O obxectivo principal deste proxecto é o desenvolvemento dun produto embarcado de detección de obstáculos para UAVs, para evitar colisións e garantir a seguridade aérea. Entidade: Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Promotor principal: José Antonio Rodríguez Artolazábal, Área de Información Multimodal.
  • SURFACORN: Aplicación do extracto biosurfactante obtido dos licores de lavado de millo para usos cosméticos e farmacéuticos. Con este proxecto preténdense levar ao mercado dous extractos biosurfactantes BS1 e BS2, extraídos dos licores de lavado de millo para a súa aplicación en distintos sectores industriais. Estes extractos poden ser obtidos de forma secuencial desta corrente residual para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica. Entidade: Universidade de Vigo. Promotor principal: Ana Belén Moldes Menduiña, Enxeñaría Química-10.