A empresa Alén Space consolídase como un referente no New Space ao amparo do programa Ignicia da Xunta de Galicia

2021-08-17
  • A iniciativa, especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, botou a andar no 2019 grazas a esta iniciativa pioneira en España posta en marcha polo Goberno galego e a Fundación Barrié
  • No crecemento da compañía, que agarda acadar os 25 traballadores e facturar máis dun millón de euros a final de ano, foi clave a entrada de capital privado, unha das accións prioritarias realizadas polo equipo promotor durante Ignicia
  • O obxectivo do programa de axudas autonómico, que se atopa inmerso na súa terceira edición, é potenciar a transferencia de coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes, impulsando así a competitividade da economía galega

Nigrán (Pontevedra), 17 de agosto de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Nigrán a empresa Alén Space, unha spin-off da Universidade de Vigo xurdida en 2019 gracias ao apoio do programa Ignicia posto en marcha pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié para potenciar a transferencia de coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes, impulsando así a competitividade da economía galega.

Argerey destacou o crecemento da empresa especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, xa que naceu con 5 traballadores no seu cadro de persoal e, na actualidade, aspira a pechar 2021 con 25 empregados e máis dun millón de euros de facturación. Ademais, a directora de Gain sinalou que nesta expansión foi clave a entrada de capital privado, unha das accións prioritarias realizadas polo equipo promotor do proxecto durante o programa Ignicia.

Xunto aos apoios recibidos mediante esta liña de axudas para industrializar a solución de nanosatélites, comezar a actividade comercial e levar a cabo a transferencia de tecnoloxía da Universidade de Vigo á futura empresa, Alén Space resultou beneficiaria de máis iniciativas do Goberno galego para impulsar o seu crecemento.

Así, caben destacar o programa InnovaPeme 2019, para o desenvolvemento dun plan de innovación da empresa, e o programa ReAcciona –orientado a impulsar a modernización tecnolóxica do tecido empresarial galego–, así como a participación na aceleradora ViaGalicia, promovida pola Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo.

Entre os seus proxectos actuais, destacan a colaboración coa Universidade de Brasilia para o desenvolvemento de CubeSat 1U –nanosatétile–; con Egatel e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) para a dixitalización das comunicacións do sector naval a través do proxecto Shipmate; co Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta) para o sistema de comunicación intersatelital (ISL) da misión Anser de vixilancia da calidade das augas en encoros e pantanos; e coa Axencia Espacial Indonesia (LAPAN) para a provisión de cargas útiles de comunicacións.

Neste contexto Patricia Argerey sinalou a importante contribución que fai esta empresa a un segmento de mercado tan especializado como o New Space e puxo en valor a aposta que está a facer Galicia desde 2014 polo sector aeroespacial, coa posta en marcha do Polo Aeroespacial de Galicia que fai da Comunidade un referente a nivel nacional e europeo.

Programa Ignicia

Durante a visita, a directora de Gain quixo destacar tamén o impacto no mercado galego que ten o programa Ignicia, pioneiro en España e posto en marcha en 2016. As dúas primeiras convocatorias, cun investimento de 7M€, posibilitaron o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, permitiu a constitución de 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.

Actualmente está en marcha a terceira edición de Ignicia, na cal resultaron seleccionados sete proxectos que entran agora na fase de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo á formalización do investimento. O orzamento total solicitado por estas iniciativas, que teñen unha duración media de dous anos, ascende a máis de 2,8 millóns de euros, o que implica arredor de 400.000 euros de media por proposta.