Últimos días para solicitar as axudas da Xunta para levar a cabo proxectos de I+D fronte á covid-19

2021-08-11
  • As empresas interesadas en participar no programa Conecta Covid teñen ata este venres, 13 de agosto, para presentar as súas propostas orientadas á investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, equipos sanitarios e médicos, desinfectantes ou equipos de protección
  • Esta liña de axudas, que conta cun investimento de 4M€, ten tamén como obxectivo contribuír á transición dixital do tecido empresarial galego, especialmente das pemes

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2021.- A nova convocatoria do programa de axudas Conecta Covid posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), mantén aberto o prazo de solicitudes ata este venres, 13 de agosto, polo que as empresas interesadas aínda están a tempo de presentar os seus proxectos de I+D para facer fronte á pandemia.

O obxectivo principal desta iniciativa, que conta cun orzamento de 4M€ e pretende mobilizar 6 millóns grazas ao cofinanciamento privado, pasa por seguir avanzando na innovación fronte á covid-19 e apoiar, ao mesmo tempo, a transición dixital do tecido empresarial –especialmente das pemes– para contribuír así á recuperación económica de Galicia.

O programa dispón dunha liña de actuación destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionados coa pandemia e outra de iniciativas de innovación en produtos, vinculada tamén a esta enfermidade. Poderán desenvolverse de xeito individual ou a través de agrupacións –de dúas a seis entidades–.

A investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes, roupa e equipos de protección, así como innovacións de procesos para unha produción eficiente dos produtos necesarios deben centrar os proxectos que presenten as empresas candidatas.

Ademais, estas propostas teñen que contribuír ao apoio ás pemes galegas; á transición e transformación dixital das pequenas e medianas empresas nos eidos estratéxicos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife –colaboradores de Conecta Covid–; á transición verde da economía galega e a integración da dimensión social da innovación; estar orientadas ao mercado e á mellora da competitividade; así como aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e ser desenvolvidas na Comunidade.

Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida, que podería acadar o 100% de anticipado no caso de que as iniciativas rematen este ano ou no 2022. Ademais, a intensidade da axuda, que depende da liña e do tamaño de empresa, pode chegar ao 80% no caso das pemes e ao 100% no caso dos organismos de investigación.