A Xunta dá a coñecer os sete proxectos que a través do programa Ignicia levarán ao mercado os resultados da investigación en centros de coñecemento

2021-08-04
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié, impulsa esta convocatoria pioneira en España
  • Os proxectos seleccionados están promovidos polas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, a Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste (Aimen), o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e a Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña
  • Nas dúas edicións anteriores, esta iniciativa financiou con 7M€ un total de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e en colaboración coa Fundación Barrié acaban de dar a coñecer as sete propostas gañadoras da terceira edición do programa Ignicia Proba de Concepto, unha iniciativa pioneira en España que promove o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos, facilitando así a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio.

Tal e como sinalou a directora de Gain, Patricia Argerey, o obxectivo principal é “promover a transferencia dos resultados da investigación que se xera nos centros de coñecemento galegos e levar eses resultados ao mercado para facer rendible a investigación en Galicia”.

Dous dos proxectos seleccionados están promovidos pola Universidade de Vigo, outros dous pola Universidade de Santiago de Compostela, un pola Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste (Aimen), outro polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (Gradiant) e o sétimo pola Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña.

Destas propostas elixidas –en total presentáronse 28–, catro pretenden chegar ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que as tres restantes propoñen o licenciamento á industria. Por ámbitos sectoriais, dous proxectos pertencen ás tecnoloxías de información e comunicación, un ao desenvolvemento de equipos médicos, dous a novas terapias farmacolóxicas e outros dous a tecnoloxías industriais.

O orzamento total solicitado por estes proxectos, que terán unha duración de dous anos, ascende a 2,8 millóns de euros, o que implica un investimento medio de arredor de 400.000 euros. Así mesmo, contarán coa participación de máis de 30 investigadores.

A partir de setembro, estas iniciativas terán dous meses para perfilar os seus plans de comercialización, apoiados polo asesoramento especializado do equipo do programa Ignicia. Posteriormente, os grupos de investigación recibirán unha achega económica para financiar os custos que supón trasladar ditos plans ao mercado.

Este instrumento de apoio económico permítelle compartir á Xunta de Galicia os riscos e beneficios de cada proposta, garantindo que as iniciativas exitosas xeren retornos para seguir investindo na transferencia de coñecemento dos organismos galegos en próximas convocatorias.

Cinco anos de iniciativas

Nas dúas edicións anteriores, a convocatoria do Ignicia posibilitou, a través de 7M€, o desenvolvemento de 16 proxectos que involucran a máis de 120 persoas traballadoras. Así mesmo, desde a súa posta en marcha en 2016, xa están constituídas 8 spin-offs que dan emprego a máis de 50 persoas, e completouse a transferencia dunha licenza á industria. En total, 9 proxectos xa están finalizados e xerando retornos para a Administración autonómica.

Esta convocatoria enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que agrupa as diferentes actuacións que Gain desenvolve, en colaboración coa Fundación Barrié, para promover a transferencia de resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos cara ao tecido produtivo co obxectivo de contribuír a facer rendible, económica e socialmente, o investimento público en investigación.

Ademais da convocatoria do Ignicia, estanse a desenvolver unha serie de accións dirixidas a fortalecer as capacidades dos centros de coñecemento no ámbito da transferencia. Entre estas actuacións destaca a formación e capacitación de xestores e xestoras de transferencia, formación de persoal investigador, encontros de transferencia entre persoal investigador e empresas, desenvolvemento de metodoloxías de soporte á transferencia para mellorar a súa eficacia e monitorización da situación e evolución da transferencia no Sistema Galego de I+D a través de diferentes estudos.

Descrición dos proxectos

  • CELIA: Intelixencia conversacional para asistentes orientados á linguaxe. O proxecto pretende valorizar un motor conversacional ou chatbot con capacidades empáticas consistente en diversas librarías software, concibido segundo a filosofía de “deseño para todos”, e orientado a entretemento e monitorización terapéutica para persoas con capacidades limitadas de abstracción a través do acceso personalizado á información. Entidade: Universidade de Vigo. Promotor principal: Francisco Javier González Castaño, Grupo de Tecnoloxías da Información.
  • ECOBONE: Implantes óseos avanzados mediante tecnoloxía supercrítica. O obxectivo xeral do proxecto ECOBONE é a valorización comercial dunha tecnoloxía para a preparación de implantes óseos sintéticos que sexan o benchmark en termos custo-beneficio, así como avaliar outros posibles usos desta tecnoloxía. Entidade: Universidade de Santiago de Compostela. Promotor principal: Carlos A. García González, Grupo I+D Farma e Grupo GIPA.
  • FRONTIER: Fibra óptica recuberta de metal de alta estabilidade para o monitoreo distribuído de infraestrutura de alta temperatura. O obxectivo xeral de FRONTIER é a transferencia ao mercado dunha tecnoloxía de deposición de recubrimentos metálicos protectores sobre sensores distribuídos de fibra óptica, moi demandados en varios sectores industriais. Entidade: Asociación de Investigación Metalúrxica del Noroeste (Aimen). Promotor principal: Tania Grandal, Equipo de Sensores Fotónicos.
  • SENSE UAV: Módulo anti-colisión multisensor integrado en UAVs. O obxectivo principal deste proxecto é o desenvolvemento dun produto embarcado de detección de obstáculos para UAVs, para evitar colisións e garantir a seguridade aérea. Entidade: Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Promotor principal: José Antonio Rodríguez Artolazábal, Área de Información Multimodal.
  • SURFACORN: Aplicación do extracto biosurfactante obtido dos licores de lavado de millo para usos cosméticos e farmacéuticos. Con este proxecto preténdense levar ao mercado dous extractos biosurfactantes BS1 e BS2, extraídos dos licores de lavado de millo para a súa aplicación en distintos sectores industriais. Estes extractos poden ser obtidos de forma secuencial desta corrente residual para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica. Entidade: Universidade de Vigo. Promotor principal: Ana Belén Moldes Menduiña, Enxeñaría Química-10.
  • CANTHER: Desenvolvemento dun fármaco dirixido contra a degradación de proteínas para o tratamento de metástase de carcinoma. O obxectivo do proxecto é establecer unha spin-off para desenvolver ata a proba de concepto clínica un inhibidor de molécula pequena da E3-ubiquitina-ligasa Hakai, destinada a terapias antimetastáticas de colon. Entidade: Fundación Profesor Novoa Santos. Promotor principal: Angélica Figueroa Conde-Valvís, Grupo Plasticidade Epitelial & Metástases.
  • TRAFFIKGENE: Novos vehículos peptídicos para aplicación en terapia xénica. TraffikGene ten como obxectivo a transferencia a mercado dunha nova tecnoloxía, que facilita o transporte de material xenético (ADN, ARN) e proteínas funcionais (CRISPR/Cas) para a súa aplicación en terapia xénica. Entidade: Universidade de Santiago de Compostela. Promotor principal: Javier Montenegro, Grupo de Investigación Montenegro lab.