A Xunta abre a convocatoria da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño ata o 13 de outubro

2021-07-14
  • Os galardóns, convocados a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, buscan o recoñecemento de profesionais e empresas referentes no desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño
  • Na primeira edición deste certame, que conta con seis categorías, resultaron premiados Francisco Guitián, Marine Instruments, Cupa Innovación, Cenlitrosmetrocadrado, Eva Yarza e Televés

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, que terá aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 13 de outubro. Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para recoñecer a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.

O procedemento de presentación de candidaturas ás seis categorías do certame é integramente dixital. Tres delas están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a empresarios e profesionais cunha experiencia de alomenos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de grande empresa e pemes distinguen as compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos dez e cinco anos, respectivamente.

As outras tres categorías recoñecen aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de grande empresa e o premio para empresas no apartado de deseño teñen carácter honorífico, e todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

Entre os criterios de avaliación, os xurados das categorías de innovación terán en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. Os xurados dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.

Estes foron os aspectos nos que destacaron os galardoados na primeira edición deste certame. Na sección de innovación os premiados foron Francisco Guitián (traxectoria innovadora), Marine Instruments (pemes) e Cupa Innovación (grandes empresas). Na de deseño, foron recoñecidos Cenlitrosmetrocadrado (profesionais), Eva Yarza (deseñadores/as mozos/as) e Televés (empresas).

Estes premios convócanse no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (Diferenza), co obxectivo de destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.