A Xunta e a Fundación Barrié celebran o Foro Ignicia para explorar as oportunidades de futuro da transferencia de coñecemento en Galicia

2021-07-12
  • O evento terá lugar o 16 de xullo con formato mixto: presencial con aforo reducido na sede da Fundación Barrié na Coruña e retransmitido en streaming
  • Presentaranse dous informes nos que se detalla a situación da transferencia de coñecemento en Galicia e se recollen recomendacións para sacar o máximo rendemento no futuro á posta en valor da investigación realizada nos centros galegos
  • A visión de expertos a nivel internacional e promotores de spin-off galegas, que compartirán as súas reflexións e experiencias, completarase coa presentación das principais claves do Programa Ignicia-Transferencia de Coñecemento no que a Xunta conta coa colaboración da Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e a Fundación Barrié celebran o próximo 16 de xullo o Foro Ignicia: A transferencia de coñecemento en Galicia, un evento dirixido a todo o ecosistema galego de I+D+i co fin de explorar as oportunidades de futuro que se abren para a posta en valor dos resultados de investigación xerados nel.

O evento, presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e polo presidente da Fundación Barrié, José María Arias, terá carácter mixto presencial-virtual, con inscrición aberta para un número de prazas limitado e para a retransmisión vía streaming.

O obxectivo do foro é compartir coñecemento sobre a situación da transferencia de resultados de investigación en Galicia en relación co contexto español e europeo, así como abrir un marco de reflexión e de actuación de cara ao futuro.

Durante o evento, presentaranse dous estudos promovidos por Gain e a Fundación Barrié. O primeiro deles, A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018, ofrece unha panorámica detallada de todos os indicadores relevantes sobre as capacidades e resultados dos centros de coñecemento de Galicia no relativo á posta en valor no mercado do coñecemento que producen. Pola súa banda, o informe Análise organizativo e funcional das unidades de transferencia do Sistema Galego de I+D céntrase na análise da organización das unidades que xestionan a transferencia nos centros galegos, a súa actividade e o perfil dos seus profesionais.

Ambos os dous informes inclúen unha serie de conclusións e recomendacións emitidas por un panel de expertos de recoñecido prestixio para optimizar o rendemento da transferencia de coñecemento en Galicia e superar os retos de futuro aos que se enfrontan os centros neste eido, contribuíndo así a mellorar o impacto da súa actividade na competitividade e no crecemento da economía galega.

As claves do escenario retratado mediante estes dous informes serán o marco para a reflexión conxunta durante o foro por parte de Fernando Galindo-Rueda, economista sénior da Dirección de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), e Rogelio Conde-Pumpido, coordinador do estudo A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018.

A directora de Gain, Patricia Argerey, presentará as claves do Programa Ignicia-Transferencia de Coñecemento, unha visión xeral que se completará coa experiencia dos promotores de dúas spin-off galegas apoiadas polo fondo de proba de concepto asociado ao programa: ALiCE Biometrics (a primeira empresa nacida do centro tecnolóxico Gradiant) e Celtarys (iniciativa de emprendemento xurdida da Universidade de Santiago de Compostela). Ademais, Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, analizará a interacción empresa-universidade ante os novos retos socioeconómicos.

Finalmente, Fernando Conesa, xefe do Servizo de Promoción e Apoio á Investigación, Innovación e Transferencia na Universidad Politécnica de Valencia, expoñerá a súa visión sobre o desenvolvemento profesional de xestores/as e investigadores/as no ámbito da posta en valor do coñecemento.

Programa Ignicia

A Fundación Barrié e a Axencia Galega de Innovación promoven conxuntamente desde 2016 o Programa Ignicia para impulsar a valorización e comercialización dos resultados de I+D xerados nos centros de coñecemento de Galicia.

As súas actuacións abarcan o financiamento de proxectos de proba de concepto; a capacitación de xestores de transferencia da man de expertos internacionais; a formación do persoal investigador en competencias transversais para a interacción co sistema de innovación; o desenvolvemento de metodoloxías de soporte aos procesos de valorización e comercialización; e o impulso á transferencia inversa, trasladando ao sector científico os retos empresariais para propiciar a posta en marcha de proxectos de valorización e transferencia.