A Xunta destaca a capacidade dos axentes do sistema galego de I+D+i para mobilizar máis de 200 millóns de euros en proxectos apoiados polo CDTI

2021-07-01
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta maña en Santiago nunha xornada de presentación dos instrumentos de apoio á I+D+i da Xunta de Galicia e do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI)
  • Subliña a execución do 100% dos fondos Feder destinados a Galicia polo CDTI no período 2014-2020 e o incremento da participación galega en proxectos de cooperación tecnolóxica internacional
  • As entidades galegas obtiveron un retorno da súa participación no programa marco europeo Horizonte 2020 de 169,3 millóns de euros, practicamente duplicando o retorno obtido no anterior programa marco e duplicando o peso de Galicia no conxunto da Unión Europea

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá, xunto con responsables do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), nunha xornada semipresencial de presentación dos instrumentos de apoio á I+D+i da Xunta de Galicia e do CDTI. Argerey destacou a capacidade dos axentes do sistema galego de I+D+i que foron quen de mobilizar 200 millóns de euros en proxectos apoiados por este organismo estatal.

A directora da Axencia Galega de Innovación lembrou ademais algúns indicadores sobre a posición de Galicia en canto a investimento en I+D+i, que se sitúa preto do 1% do PIB (0,97% en 2019), e apuntou a evolución moi positiva que experimentou a innovación en Galicia segundo o Regional Innovation Scoreboard 2021, un índice que medrou desde 2014 en Galicia a un ritmo que practicamente duplicou a media estatal e un 34% máis que a rexión Norte de Portugal.

Argerey subliñou entre as fortalezas do sistema galego de innovación, segundo este informe, a educación superior, as habilidades dixitais, as co-publicacións científicas, a venda de produtos innovadores e, especialmente, a colaboración entre as pemes.

Na xornada informouse de que, no último lustro, os axentes do Sistema galego de innovación obtiveron apoio do CDTI para 318 proxectos de I+D+i (291 proxectos de ámbito estatal e 27 de cooperación tecnolóxica internacional). A través deses 318 proxectos, as entidades galegas conseguiron mobilizar preto de 204 millóns de euros (194 millóns en iniciativas nacionais e 9,4 en proxectos en cooperación tecnolóxica internacional).

Destaca, pois, a amplitude de instrumentos aos que accederon as entidades galegas, o que pon de manifesto que coñecen e fan uso dos diferentes instrumentos de apoio. Ademais incrementouse a participación galega en programas de I+D+i de cooperación tecnolóxica internacional xestionados polo CDTI. De feito, en 2020, a pesar de ser un ano complicado pola pandemia, duplicouse o número de proxectos de cooperación tecnolóxica internacional nos que participaron as entidades galegas respecto de 2019.

En canto aos datos de participación galega no programa marco europeo Horizonte 2020, destaca o incremento no retorno obtido polas entidades galegas no programa H2020 fronte ao VII Programa Marco. No período 2014-2021 as entidades galegas captaron 169,3 millóns de euros fronte aos 86,9 do período 2007-2013, aumentando tanto o seu peso relativo no conxunto do Estado como no conxunto da Unión Europea. Por áreas, destacaron dúas, industria e bioeconomía, nas que todos os axentes do sistema galego de innovación participaron e obtiveron un terzo do retorno.

Por último, a directora de Gain informou de que Galicia executou todos os fondos Feder do Programa Operativo Plurirrexional (POPE) do período 2014-2020, xestionados polo CDTI, un 106% sobre o que estaba comprometido.