As entidades galegas que participaron no programa europeo H2020 captaron máis de 168 M€ entre 2014 e 2020, un 93% máis que no anterior programa marco

2021-05-04
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, subliñou este dato na súa visita á empresa TripleAlpha, que obtivo unha axuda da Xunta para preparar unha proposta para este programa

Padrón (A Coruña), 4 de maio de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, realizou unha visita esta mañá á empresa TripleAlpha, beneficiaria dunha axuda da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para preparar unha proposta de calidade dirixida ao programa marco Horizon 2020 (H2020), da Unión Europea. Neste contexto, Patricia Argerey fixo un balance da participación galega no programa europeo de I+D+i no período 2014-2020, constatando que as entidades galegas conseguiron un retorno de máis de 168M€, o que supón un 93% máis respecto do anterior programa marco.

Esta mellora tamén se produciu en termos relativos, en relación coa porcentaxe de recursos captados por Galicia respecto do conxunto nacional, que ascendeu dun 2,6 no anterior programa marco a un 3,03%, así como no peso dos fondos captados polas entidades galegas respecto do conxunto da UE, pasando de representar un 0,21 a un 0,28%. Tamén destaca o incremento da porcentaxe de actividades lideradas por entidades galegas, pasando dun 25,4 a un 28,1% no actual programa marco. En total, entre 2014 e 2020 participaron 243 entidades galegas en 388 proxectos a través de 468 participacións.

Argerey recordou que Gain artellou un programa de axudas, que se puxo en marcha no ano 2019, para fomentar a participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, a fin de incrementar o retorno acadado polas mesmas, a través do apoio á preparación de propostas de calidade e ao desenvolvemento das propostas que obtiveron o selo de excelencia da Comisión Europea.

A través desta liña de axudas apoiáronse 65 solicitudes, cun investimento público de preto de 3,8 millóns de euros, un 93% foi destinado a pemes e o 7% restante a organismos públicos e privados de investigación, conseguindo unha mobilización de 7,8 millóns de euros. No terceiro trimestre de 2021 publicarase unha nova edición desta convocatoria de axudas. En total, entre as tres edicións da convocatoria destinaranse 5 millóns de euros.

No transcurso da visita, os responsables de TripleAlpha amosaron as súas instalacións á directora de Gain. A empresa, especializada en analítica de datos aplicada á produción e operacións, emprega técnicas estatísticas avanzadas, modelado matemático e o machine learning para afondar nos procesos de fabricación e transformar os datos dunha empresa en información e coñecemento.

Cunha profunda vocación innovadora, TripleAlpha accedeu tamén a outras axudas por parte de Gain. Concretamente, participou en dúas convocatorias do programa Principia 2018 e 2019, polo que contratou tres traballadores de perfil científico, ademais de resultar seleccionado o seu proxecto Alphacloud, unha ferramenta para recoller, analizar e visualizar datos de forma eficiente no sector lácteo, na aceleradora especializada no sector alimentario Business Factory Food, actualmente en fase de consolidación.