Un consorcio de empresas galegas desenvolve co apoio da Xunta unha solución para a xestión dixital e sostible do monte a través do uso de drons

2021-03-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Cervo na xornada de peche do proxecto Xestal, desenvolto por Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, coa colaboración do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) e da Universidade de Santiago de Compostela
  • A iniciativa, impulsada dentro do programa Conecta Peme, contou cunha axuda da Administración autonómica de 560.000 euros
  • A solución tecnolóxica está baseada na teledetección mediante vehículos aéreos non tripulados e permitirá optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais grazas á súa automatización

Cervo (Lugo), 25 de marzo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu hoxe no Centro Experimental Áncora de Cervo á xornada de peche do proxecto Xestal (Xestión forestal sostible mediante teledetección remota), apoiado pola Xunta a través do programa Conecta Peme.

A directora de Gain destacou o aliñamento deste proxecto, que persegue optimizar a xestión do monte, coas políticas de innovación da Xunta, así como coas prioridades europeas de transición dixital e ecolóxica. Precisamente, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) inclúe como un dos tres retos prioritarios a modernización dos sectores primarios galegos, como é o caso dos recursos forestais, a través, entre outras medidas, da incorporación das novas tecnoloxías para xerar produtos e servizos innovadores.

O proxecto Xestal contribúe a optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais, como o inventario forestal, a planificación, seguimento e control de masas forestais, a través dunha solución tecnolóxica baseada na automatización de toma de datos a través de novas tecnoloxías embarcadas en vehículos non tripulados. Esta solución tecnolóxica, dirixida fundamentalmente a enxeñarías medioambientais e xestores forestais, permitirá reducir custos respectos dos métodos de medición actuais, dispor de información actualizada e de valor engadido para mellorar a tomar de decisións, o control e a execución das actuacións dos plans de ordenación forestal.

Este proxecto está apoiado polo programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación con preto de 560 mil euros, cofinanciados a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. O programa Conecta Peme ten como obxectivo fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema galego de innovación a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia. En total, a través das catro convocatorias deste programa mobilizáronse 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación nos que participaron 433 empresas o 95% pemes e se xeraron 530 empregos.

Argerey destacou o enorme potencial que ofrece o segmento dos vehículos non tripulados ou drons, polo que a Xunta vén apostando desde 2015 a través do Polo Aeroespacial de Galicia no que se levan investido máis de 164 millóns de euros de fondos públicos e privados. Entre os 59 proxectos de I+D desenvoltos nesta iniciativa atópanse tecnoloxías para mellorar a prestación de determinados servizos públicos vencellados ao monte, como a protección contra incendios forestais ou o control de pragas. Agora, esta nova ferramenta vén complementar as desenvoltas con anterioridade, achegando tecnoloxía dirixida á xestión privada do monte.

A directora de Gain destacou como un dos resultados máis relevantes da primeira fase do Polo Aeroespacial de Galicia a configuración dun ecosistema innovador en Galicia arredor do segmento dos vehículos non tripulados ou drons, que ten demostrado grandes capacidades, e puxo como exemplo desta capacidade e do valor da colaboración o consorcio que desenvolveu este proxecto. Nel participaron as empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, así como o Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) e a Unidade de Xestión Forestal Sostible da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, Argerey subliñou a importancia da dixitalización na modernización do tecido produtivo galego, especialmente das pemes, e na recuperación económica. Nesta liña, lembrou que segue aberta ata o 22 de abril a convocatoria Conecta Hubs da Axencia Galega de Innovación, que ten como obxectivo apoiar proxectos de I+D+i colaborativos aliñados coas áreas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital estratéxicos co obxectivo de avanzar tanto na transición dixital das pemes galegas, como na especialización do tecido produtivo galego, mellorando deste xeito a súa competitividade.