A Xunta destaca que a Unidade Mixta da EDAR de Bens suporá un cambio cara a un modelo enerxético máis eficiente e sustentable da cidade da Coruña extrapolable ao resto de Galicia

2021-03-22
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións coruñesas con motivo da presentación da consolidación da UMI de Gas Renovable
  • Cun investimento público-privado de 4,2M€ seguirá avanzando na investigación dos sistemas de produción de gas e, á vez, estudará outros gases renovables como o hidróxeno verde para medir o seu impacto na inxección á rede e na mobilidade urbana
  • Conde pon a iniciativa como exemplo do que Galicia entende como transición ecolóxica xusta

A Coruña, 22 de marzo de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da EDAR de Bens, na Coruña, con motivo da presentación da consolidación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) de Gas Renovable. Destacou que esta iniciativa suporá un cambio cara a un modelo enerxético máis eficiente e sustentable da cidade herculina que podería ser extrapolable a toda Galicia.

A UMI, na que colaboran Naturgy e EnergyLab coa EDAR de Bens, entra en fase de consolidación para seguir avanzando no seu obxectivo de producir biogás a partir dos residuos que se xeran na estación de augas residuais, axudando a que Galicia siga dando pasos adiante no eido da bioeconomía e da economía circular en sectores como o tratamento de residuos. Contará cun investimento público-privado de 4,2M€.

Nesta fase de consolidación, ata 2023, desenvolveranse cinco liñas de investigación que afondarán nos sistemas de produción de gas pero tamén no estudo doutros gases renovables como o hidróxeno verde. A finalidade é medir o impacto do uso destes gases renovables coa súa inxección á rede ou na mobilidade urbana. Así, vaise instalar un módulo de inxección á rede para avanzar nas posibilidades que se abren neste sentido e que poderían cubrir as necesidades enerxéticas anuais de preto de 2800 vivendas e xerar combustible para abastecer ao ano unha frota de 3000 turismos ou de máis de 60 autobuses. O vicepresidente económico destacou a contribución desta iniciativa para implantar en Galicia un modelo de economía circular no que os residuos xerados pola cidade se transforman en recursos enerxéticos.

Conde valorou o traballo desenvolvido por esta UMI desde que botou a andar no ano 2016 e lembrou o emprego do biogás no autobús de liña regular na comarca da Coruña ou nas tres furgonetas da concesionaria que xestiona a planta. Permitiuse, deste xeito, a redución de emisións de 6000 toneladas en CO2 ao ano.

Esta é unha das 46 UMIS que desde 2014 se puxeron en marcha en Galicia, impulsadas a través dunha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (Gain), coa participación de 13 centros de coñecemento e 53 empresas cunha mobilización de 130M€ e a participación de 700 profesionais.

O vicepresidente económico asegurou que os proxectos desta UMI son un exemplo do que Galicia entende como transición enerxética e xusta. De feito, o hidróxeno verde é unha das pedras angulares dos proxectos que Galicia está presentando para captar fondos europeos Next Generation.