Un consorcio de empresas galegas desenvolve un sistema automatizado, intelixente e autónomo para alimentar especies cultivadas en mar aberto co apoio da Xunta

2021-03-15
  • Trátase dun desenvolvemento tecnolóxico integramente galego, liderado por Feeding Systems coa participación das empresas Quantum Innovative, Engranor e Montajes Cancelas e a colaboración dos grupos de investigación da Universidade de Vigo CIMA e ECIMAT
  • Permitirá optimizar os procesos de alimentación a través dun control completo
  • O proxecto está apoiado polo programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación (Gain) que, desde a súa posta en marcha, permitiu apoiar 187 proxectos de cooperación nos que participaron 433 empresas e 81 centros tecnolóxicos que xeraron 530 empregos

Moaña (Pontevedra), 15 marzo de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain) Patricia Argerey, asistiu esta mañá en Moaña á xornada de peche do proxecto Seafeed: Alimentador flotante para acuicultura, apoiado con máis de 600.000 euros a través da convocatoria Conecta Peme da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e cofinanciado polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A xornada consistiu na presentación oficial e visita ao sistema flotante de alimentación destinado a acuicultura no mar desenvolvido no marco do proxecto por un consorcio de empresas liderado por Feeding Systems –coñecida co nome comercial Fish Farm Feeder–. Segundo a compañía, trátase do primeiro sistema autónomo e intelixente para a alimentación de gaiolas acuícolas de pequeno e mediano tamaño tanto en mares como lagos, instalado nunha plataforma flotante enerxeticamente eficiente.

Este sistema permitirá optimizar os procesos de alimentación en acuicultura mariña a través da implementación dun modelo virtual de xestión intelixente que aplica técnicas de aprendizaxe automática e permite un control completo sobre o proceso. Ademais, posibilita a mellora continua dos procesos produtivos a través do uso dun software de xestión e adáptase facilmente a calquera tipo de instalación acuícola mariña, independentemente do seu tamaño, da especie cultivada e da natureza do penso de engorde. Así mesmo, está instalado sobre unha plataforma de baixo tonelaxe, eficiente, segura e autónoma, grazas a un sistema de xeración de enerxía eléctrica a partir de renovables.

A tecnoloxía que hai detrás deste sistema foi desenvolta polo consorcio integrado polas empresas galegas Feeding Systems, Quantum Innovative, Engranor e Montajes Cancelas, coa colaboración dos grupos de investigación da Universidade de Vigo CIMA e ECIMAT, achegando así tecnoloxía propia á industria acuícola galega. Cada un dos socios participou naquilo no que ten máis experiencia: Engranor construíu o dosificador de alimento; Montajes Cancelas encargouse da plataforma flotante; Quantum Innovative, dos sistemas de alimentación eléctrica; e a xestión do conxunto e a ensamblaxe final recaeu sobre Feeding Systems.

Desde a posta en marcha do programa Conecta Peme, a través de catro convocatorias, mobilizáronse 150 millóns de euros en 187 proxectos de cooperación nos que participaron 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que xeraron 530 empregos. O seu obxectivo é fomentar a cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema galego de innovación, a través do apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, e, deste xeito, estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a súa competitividade no mercado.