A Xunta avanza no aproveitamento dos drons para tarefas de loita contra os incendios forestais e de mellora do monte

2021-03-06
  • O obxectivo é empregar estes vehículos para mellorar e modernizar o operativo e a súa eficacia en ámbitos como os tempos de reacción ou a organización do dispositivo
  • Trabállase ademais en eidos coma o control das queimas ou a supervisión de indicadores ambientais para a determinación do risco de lumes

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021.- O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, coñeceron esta semana, durante a súa visita ao Polo Aeroespacial de Galicia, no aeródromo de Rozas (Castro de Rei), as novas posibilidades que ofrecen os vehículos aéreos non tripulados (UAVs) na loita contra os incendios forestais.

Ambos directores presenciaron unha demostración do uso de drons para complementar o despregamento territorial do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta. O obxectivo é empregar estes vehículos para mellorar e modernizar o operativo e a súa eficacia en ámbitos como os tempos de reacción ou a organización do dispositivo. Os drons ofrecen claras vantaxes no relativo á optimización dos procesos de toma de decisións no escenario dos lumes de última xeración (de maior virulencia e que afectan á interface urbano-forestal), dentro dunha estratexia xeral de mellora global da eficacia do servizo.

Estes vehículos non tripulados xa se están a utilizar en tarefas de vixilancia, disuasión e como apoio á extinción de lumes. Agora estúdase a implementación a futuro de novas aplicacións e tecnoloxías neste eido. Así, os vehículos operados nesta visita a Rozas teñen aplicacións, ademais de nos labores xa mencionados, no control dos permisos de queimas de restos agrícolas e forestais, así como na supervisión de indicadores ambientais para o establecemento do Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI), entre outras moitas funcionalidades.

Os responsables de Defensa do Monte e de Gain salientaron estas oportunidades que ofrece o uso de drons na loita contra o lume e reiteraron o compromiso da Xunta a prol do aproveitamento destas tecnoloxías tamén no que atinxe a outros ámbitos, como o das estatísticas forestais, o inventario, o sistema de información sobre os montes ou a sanidade forestal.