Conde destaca que proxectos como o de Mestrelab animan á Xunta a seguir impulsando o programa Fábrica Intelixente para favorecer o salto dixital do tecido empresarial

2021-03-01
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago as instalacións desta empresa
  • Mestrelab deseñou un software que están utilizando as principais farmacéuticas que desenvolven a vacina contra a covid-19
  • A nova edición do programa inclúe apoios por 21M€ que permitirán o desenvolvemento en Galicia de nove proxectos de I+D+i de sectores estratéxicos como a automoción, o alimentario, as enerxías renovables, a industria da madeira ou a loxística
  • Desde a súa posta en marcha, Fábrica Intelixente e Sustentable apoiou 24 proxectos nos que participaron 68 empresas e organismos públicos e privados cunha mobilización de 272M€

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as instalacións de Mestrelab, onde destacou que proxectos como os desta empresa animan á Xunta a seguir apostando polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable co obxectivo de apoiar o salto dixital do tecido empresarial galego e aumentar a súa competitividade.

“Este é o camiño que temos que seguir mantendo porque a diferenciación de Galicia vén polo coñecemento. A I+D+i é o elemento clave que permite que empresas como Mestrelab se poidan diferenciar”, subliñou.

Na visita, Conde puido coñecer en detalle o proxecto Future Lab —da segunda convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable– co que se busca desenvolver un entorno dixital intelixente que dea soporte á globalización, conexión e automatización dos laboratorios nas industrias farmacéuticas, biotecnolóxicas e químicas, universidades e centros de investigación, para crear as conexións que faltan no ecosistema para aproveitar mellor a información xerada.

No marco das liñas de traballo de Mestrelab destaca o software que están utilizando as principais farmacéuticas que desenvolven a vacina contra a covid-19, pero tamén outros organismos, universidades e clientes industriais. Neste sentido, o vicepresidente económico asegurou que a empresa demostra o potencial do sector biotecnolóxico galego.

A Xunta vén de resolver a cuarta convocatoria do programa con 21M€ de apoio público para acadar un investimento público-privado de 57M€ en nove proxectos de I+D+i de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o alimentario, as enerxías renovables, a industria da madeira ou a loxística. Nestas iniciativas participan 23 empresas e seis organismos de investigación e prevese a creación ou mantemento de 600 postos de traballo. En concreto, as nove iniciativas que se apoian están lideradas por PSA, Pescanova, Benteler, Finsa, Cupa, Hifas da Terra, Gri Towers, Silicio Ferrosolar e Galigrain.

Desde a posta en marcha deste programa, que busca mellorar a competitividade empresarial a través do impulso á Industria 4.0, financiáronse 24 proxectos, mobilizando 272M€ a través de investimento público-privado, e apoiouse a un total de 68 empresas e organismos de investigación públicos e privados.