A Xunta convoca a terceira edición do programa Ignicia para levar ao mercado os resultados da investigación galega

2021-02-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou a convocatoria para apoiar a comercialización dos resultados da investigación xerada polos centros de coñecemento galegos, activa ata o 22 de marzo
  • Destaca que os obxectivos deste programa son mellorar os resultados dos procesos de transferencia de coñecemento para que cheguen á sociedade e rendibilizar así o investimento público en ciencia
  • A través desta liña de axudas prevese apoiar sete proxectos cun investimento asociado de arredor de 400.000 euros por cada un deles
  • Desde a súa posta en marcha en 2016, Ignicia financiou con 7M€ un total de 16 proxectos, contribuíndo á creación de 7 novas empresas e a creación ou mantemento de máis de 120 postos de traballo de alta cualificación

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apuntou na inauguración da xornada online de presentación da terceira convocatoria do programa Ignicia que o obxectivo desta iniciativa é “acelerar e mellorar os resultados dos procesos de transferencia tecnolóxica para que cheguen á sociedade” e “contribuír así á rendibilización económica e social do investimento público en investigación”.

Con este obxectivo se puxo en marcha no 2016 este programa, en colaboración coa Fundación Barrié, que ten como obxectivo apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos e potenciar a transferencia de coñecemento. Desde entón ten permitido financiar un total de 16 proxectos, cun investimento global de 7 millóns de euros, e deu lugar á creación de sete novas spin-off, oito acordos de licenza e tres acordos de investimento por 2,75 millóns de euros. Ademais, durante o seu desenvolvemento, os proxectos apoiados polo programa Ignicia implicaron a creación ou mantemento de 123 empregos de alta cualificación nas entidades beneficiarias.

Na xornada interviron tamén técnicos de Gain e da Fundación Barrié para explicar as características da convocatoria e representantes de dúas spin-offs nacidas co apoio de Ignicia, Diego Nodar de Alén Space e Senén Barro de Inverbis Analytics.

Características da convocatoria

No tocante á convocatoria actual, dotada con 2,8 millóns de euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 22 de marzo, a directora de Gain apuntou que está previsto que apoie sete proxectos cun investimento de arredor de 400.000 euros por proxecto.

Os proxectos deberán ser promovidos por un organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia: universidades do sistema universitario galego, fundacións sanitarias, centros tecnolóxicos ou centros do CSIS e do IEO en Galicia e ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xeración de retornos económicos.

Ademais do apoio económico, o programa Ignicia ofrece aos seus beneficiarios asesoramento e contacto con potenciais socios ou clientes e acompañamento durante todo o proceso de comercialización. Esta iniciativa tamén pon en valor as tecnoloxías galegas máis relevantes desde un punto de vista científico e de negocio e apoia tanto a creación de empresas tecnolóxicas que poidan competir a escala global como a transferencia por medio de licenzas aos actores máis relevantes do sector.

Os proxectos pasan por un proceso de avaliación en dúas fases no que participa un panel de expertos internacionais de Oxentia, a empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, xunto con expertos da Fundación Barrié e da Axencia Galega de Innovación. Entre outros aspectos, realízase unha análise do nivel da ciencia que hai detrás de cada proxecto e especialmente, do grado de capacidade e compromiso do equipo promotor para a comercialización dos resultados do proxecto.

O investimento ao que acceden os proxectos seleccionados realízase mediante a figura da achega patrimonial onerosa, para financiar os custos derivados de levar a tecnoloxía ao mercado de acordo cos fitos marcados nun plan de desenvolvemento e comercialización. Os beneficiarios deberán reintegrar parte dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento ou procedementos, entre outros. Os retornos que a Xunta vaia obtendo dos proxectos apoiados volveranse empregar para o investimento de novos proxectos.

Actividades de capacitación

Complementariamente á convocatoria, o programa Ignicia, que no seu conxunto conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros, inclúe tamén actividades de capacitación, valorización e comercialización de resultados da I+D, orientadas a estimular a detección de novos proxectos de transferencia, así como a formar e incorporar aos centros de coñecemento profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización de resultados.

Actualmente están en marcha dous cursos de formación, un destinado a persoal investigador que comeza a vindeira semana e que ofrecerá capacitación en competencias transversais de transferencia e outro dirixido a xestores de transferencia, que completará o programa formativo no ámbito da xestión da propiedade industrial e intelectual e ofrecerá un servizo de titorización para a preparación do caso práctico aos xestores que dispoñan da puntuación suficiente para tramitar a certificación RTTP e cuxo prazo de inscrición abrirá proximamente. Ambos cursos están impartidos por expertos da empresa Oxentia, vencellada á Universidade de Oxford e un referente mundial no ámbito da transferencia de tecnoloxía, e ábrenlle a posibilidade aos beneficiarios de acreditar internacionalmente as súas competencias. Un dos obxectivos do programa Ignicia é contar con 35 profesionais certificados a nivel internacional no ámbito da transferencia de coñecemento.

Nas activades de capacitación realizadas desde 2019 ata agora participaron máis de 150 xestores de transferencia e 18 investigadores vinculados a universidades, centros tecnolóxicos, o CSIC e o sistema galego de saúde.

Ademais, dentro das actuacións de monitoraxe do sistema de transferencia estanse realizando dous estudos: “Análises sobre a situación da transferencia no Sistema Galego de I+D+i 2011-2018” e “Análise funcional e organizativa das unidades de transferencia no Sistema Galego de I+D+i”. Así mesmo, participouse na iniciativa do JRC KTMetrics que busca a homoxeneización de indicadores de transferencia a nivel europeo.

Así mesmo, poñerase en marcha unha metodoloxía de avaliación preliminar do potencial comercial de resultados de I+D e iniciarase un programa de encontros sobre transferencia entre investigadores/centros de coñecemento e industria para fomentar este tipo de procesos.