A Xunta impulsa a competitividade empresarial a través dunha nova liña de axudas que apoia proxectos de I+D+i nos que colaboran entre pemes galegas

2021-02-21
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain) celebrou esta semana o webinario de presentación da convocatoria Conecta Hubs, dotada con 6,8M€
  • Estes apoios permitirán avanzar tanto na consolidación dos Hubs de Innovación Dixital como instrumentos de acompañamento ás pequenas e medianas empresas na súa dixitalización, como na especialización do tecido produtivo galego
  • Os Hubs operan nunha área de especialización determinada e funcionan como un portelo único de acceso a tecnoloxías punteiras e outras ferramentas necesarias para a transformación dixital das pemes

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, indicou na apertura da xornada Conecta Hubs e outras axudas á dixitalización das pemes que a innovación no contexto actual é máis necesaria ca nunca para reactivar a economía, recuperar emprego e garantir a prosperidade. Neste sentido, sinalou que a modernización do tecido produtivo galego a través da súa transformación dixital permitirá contar cunha Galicia máis competitiva.

Para impulsar esta dixitalización das pemes, a Xunta de Galicia puxo en marcha, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a Estratexia Galega dos Hubs de Innovación Dixital como un novo instrumento de cooperación que aglutina, arredor dunha área de especialización determinada, os recursos necesarios para facilitar o acceso das pemes a tecnoloxías punteiras e servizos de apoio para a súa transformación dixital.

No marco desta Estratexia, nace a convocatoria Conecta Hubs, que apoiará proxectos de I+D+i colaborativos aliñados coas áreas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital estratéxicos co obxectivo de avanzar tanto na súa consolidación como instrumento para facilitar a transición dixital das pemes galegas, como na especialización do tecido produtivo galego, mellorando deste xeito a súa competitividade.

Xunto a esta convocatoria de Conecta Hubs, Argerey anunciou que está previsto lanzar outras dúas liñas de apoio destinadas a seguir avanzando na dixitalización das pemes a través dos Hubs: unha nova liña para apoiar proxectos de I+D en materias relacionadas coa Covid-19 e os Bonos, para que as pemes poidan acceder aos servizos dos Hubs Galegos de Innovación Dixital.

Na xornada participaron tamén Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, que expuxo as liñas de apoio do instituto á dixitalización das pemes; Lucía Castro, xerente de DATAlife, que presentou o Hub galego e as súas áreas estratéxicas; Eugenia Mijares, responsable de Relacións Estratéxicas e Desenvolvemento de DIHGIGAL, quen informou sobre as cadeas de valor e as áreas estratéxicas nas que opera este Hub; e Susana Larrea, en representación de SPRI, entidade do Goberno Vasco para impulsar a industria, que explicou o modelo vasco de apoio aos Hubs.

Prazo de solicitudes aberto ata o 22 de abril

Esta liña de apoio, publicada xa no Diario Oficial de Galicia e que ten o prazo de solicitude aberto ata o 22 de abril, está dotada con 6,8 millóns de euros para financiar proxectos de I+D+i colaborativos nas áreas estratéxicas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital, aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e cos obxectivos do programa Europa Dixital.

O programa apoiará tanto proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en proceso e organización como proxectos de innovación en produto. Desenvolveranse a través da cooperación entre pemes principalmente, aínda que tamén pode participar algunha grande empresa que exerza un efecto tractor na primeira modalidade cunha participación limitada.

Como novidade, esta liña de apoio abre un novo marco de colaboración no que os Hubs galegos de Innovación Dixital funcionarán como axentes articuladores do sistema galego de innovación, asegurando a coherencia dos apoios coas súas liñas estratéxicas e avanzando así cara a súa función de portelos únicos. Deste xeito, os Hubs participan nesta convocatoria a través da súa difusión e colaboración na resolución de dúbidas; na emisión dun informe de idoneidade dos proxectos respecto dos seus retos, así como no seguimento dos mesmos.

Os Hubs de Innovación Dixital que foron seleccionados pola Xunta de Galicia son DIHGIGAL, no eido da transformación dixital da industria dirixida ás cadeas de valor da automoción, alimentación, naval, TIC, téxtil, pedra, forestal e aeronáutica; e DATAlife, para as cadeas de valor da biotecnoloxía, saúde, forestal, agroalimentación e mar-industria.

Bases e máis información: http://gain.xunta.gal/artigos/448/convocatoria+conecta+hubs