A Xunta destina 3,8M€ á nova edición do Programa Ignicia para levar ao mercado os resultados da investigación galega

2021-02-11
  • A iniciativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Barrié, potencia a transferencia de coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes, impulsando así a competitividade da economía galega
  • Lanzarase unha convocatoria pública co obxectivo de apoiar arredor de sete proxectos con capacidade de xerar beneficios sociais e económicos
  • Tamén se potenciará a especialización e consolidación e a contratación de profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización
  • Desde a súa posta en marcha en 2016, Ignicia financiou con 7M€ un total de 16 proxectos, contribuíndo á creación ou mantemento de máis de 120 postos de traballo de alta cualificación
  • Ademais, creáronse 7 novas empresas ao abeiro do programa que supuxeron ata o momento 42 novos empregos
  • Os proxectos finalizados con éxito xerarán retornos que permitirán ao Goberno galego seguir apoiando novos proxectos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.- A Xunta de Galicia vai destinar 3,8 millóns de euros á nova edición do programa Ignicia, unha iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Fundación Barrié que busca levar ao mercado os resultados da investigación galega e potenciar a transferencia do coñecemento dos centros de I+D+i ás pemes, impulsando así a competitividade da economía galega.

Nas próximas semanas, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), activará unha convocatoria pública co obxectivo de seleccionar arredor de sete proxectos con capacidade de xerar beneficios sociais e económicos. Por outro lado, desenvolveranse diferentes accións de capacitación, valorización e comercialización de resultados da I+D+i, que teñen entre os seus obxectivos a especialización e a incorporación aos centros de coñecemento de profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización de resultados, así como estimular a detección de novos proxectos de transferencia.

As iniciativas presentadas á convocatoria pública deberán ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xeración de retornos económicos. Calcúlase que cada proxecto apoiado poderá recibir un investimento medio de 400.000 euros, implicando a arredor de 50 profesionais de alta cualificación, a metade deles de nova contratación.

Ademais do apoio económico, o programa Ignicia ofrece aos seus beneficiarios asesoramento e contacto con potenciais socios ou clientes e acompañamento durante todo o proceso de comercialización. Esta iniciativa tamén pon en valor as tecnoloxías galegas máis relevantes desde un punto de vista científico e de negocio e apoia tanto a creación de empresas tecnolóxicas que poidan competir a escala global como a transferencia por medio de licenzas aos actores máis relevantes do sector.

O investimento a que acceden os proxectos seleccionados realízase mediante a figura da achega patrimonial onerosa, para financiar os custos derivados de levar a tecnoloxía ao mercado de acordo cos fitos marcados nun plan de desenvolvemento e comercialización. Os beneficiarios deberán reintegrar parte dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento ou procedementos, entre outros. Os retornos que a Xunta vaia obtendo dos proxectos apoiados volveranse empregar para o investimento de novos proxectos.

As propostas que se presenten pasarán por un proceso de avaliación en dúas fases no que participa un panel de expertos internacionais de Oxentia, a empresa de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, xunto con expertos da Fundación Barrié e de Gain.

No tocante á capacitación, valorización e comercialización de resultados da I+D, continuaranse levando a cabo diferentes accións orientadas a estimular a detección de novos proxectos de transferencia, así como a formar e incorporar aos centros de coñecemento profesionais con formación científica capaces de definir estratexias de comercialización de resultados. Un dos obxectivos fixados é contar este ano con 35 profesionais certificados a nivel internacional no ámbito da transferencia de coñecemento.

Balance das dúas primeiras convocatorias

Ignicia é unha iniciativa pioneira en España que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais das investigacións xeradas polos centros de coñecemento galegos. Desde a súa posta en marcha en 2016 en colaboración coa Fundación Barrié, o programa financiou un total de 16 proxectos, cun investimento global de 7 millóns de euros, e deu lugar á creación de sete novas empresas spin-off, oito acordos de licenza e tres acordos de investimento por 2,75 millóns de euros. Destes 16 proxectos, oito xa finalizaron, transferindo a tecnoloxía ao mercado.

Durante o seu desenvolvemento, os proxectos apoiados polo programa Ignicia implicaron a creación ou mantemento de 123 empregos de alta cualificación nas entidades beneficiarias. Ademais, as spin-offs creadas ao abeiro do programa xeraron, ata o momento, 42 novos postos de traballo de alta cualificación.

O programa Ignicia enmárcase no compromiso da Xunta nunha economía baseada no coñecemento, que vén de ser reforzado coa posta en marcha a semana pasada da comisión interdepartamental de I+D+i, co obxectivo de potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos de Galicia nesta materia.