A Xunta destaca a capacidade de adaptación da BFFood e na próxima convocatoria prestará especial atención á innovación para facer fronte á covid-19

2021-01-29
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na ‘demoday’ en liña da segunda edición desta aceleradora de alimentación que sumou 14 novas propostas
  • Esta iniciativa, baseada na colaboración público-privada, xa ten permitido desenvolver 20 proxectos, crear cinco novas empresas e 30 postos de traballo e mobilizar 3,9M€

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, de xeito telemático, na demoday da segunda edición da Business Factory Food (BFFood), onde destacou a capacidade de evolución e adaptación desta aceleradora centrada na alimentación e que na próxima convocatoria prestará especial atención, tamén, á innovación fronte á covid-19.

Na xornada presentáronse os proxectos que participaron na segunda edición, un total de 14 propostas apoiadas polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), empresas tractoras (Calvo, Congalsa, Gadis, Viña Costeira, Martín Códax, Larsa, Candelas, Clun, Galacteum, Kiwi Atlántico e Quescrem) e centros de coñecemento e entidades como Anfaco, as tres universidades galegas, ITG, Feuga e a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Son propostas que achegan solucións en eidos como a dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; innovación de procesos e comercialización; e sustentabilidade e packaging.

Conde destacou que tras esta iniciativa existe un gran esforzo colectivo e a colaboración público-privada que fixo posible que, ata o de agora, 20 proxectos viran a luz, se crearan cinco novas empresas e 30 postos de traballo e se mobilizaran preto de 3,9M€ de investimento público-privado. Todo isto consolida a BFFood como a primeira aceleradora de Galicia especializada na industria da alimentación.

Neste sentido, o vicepresidente económico sinalou que desde o inicio da pandemia a industria alimentaria amosou toda a súa dimensión como motor económico e social, afrontando con éxito as circunstancias e as dificultades no eido operativo e loxístico para garantir o abastecemento, a seguridade e adaptarse ás novas tendencias de consumo. Por este motivo, na terceira edición, que comezará o mes que vén, haberá un segmento especial de innovación fronte á covid-19. O obxectivo é desenvolver proxectos de I+D+i que contribúan a fortalecer a resiliencia do sector e de toda a súa cadea de valor fronte ás consecuencias da pandemia.