A Xunta recoñece a implicación dos traballadores públicos por aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer unha mellor atención á cidadanía galega

2020-12-15
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na entrega da segunda edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores, aos que se presentaron 34 iniciativas
  • Resultaron gañadores un proxecto do Laboratorio de Consumo de Galicia, para o desenvolvemento dunha aplicación móbil para mellorar o labor de inspección e control dos produtos á venda no mercado, e unha iniciativa de Augas de Galicia centrada na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos
  • Este certame enmárcase no Programa de Impulso da Compra Pública de Innovación, que persegue consolidar a Galicia como referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación pública

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na entrega da segunda edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores, cos que a Xunta recoñece a implicación e o compromiso dos traballadores públicos por aproveitar a vantaxe das novas tecnoloxías para ofrecer unha mellor atención á cidadanía galega. Conde, que destacou que nesta convocatoria se presentaron 34 iniciativas, fixo fincapé en que “o impulso da innovación dentro da Administración está cada vez adquirindo unha maior dimensión”, apuntando que isto permite mellorar os servizos públicos apostando por unha Administración “amigable, accesible, dixital, eficiente e que incorpore as mellores ferramentas para favorecer a axilización e incorporar a dixitalización”.

O certame consta de dúas categorías: a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro da Administración, na que se debía identificar unha problemática nun servizo prestado á cidadanía e motivar a necesidade e interese da súa resolución; e o proxecto coa temática máis innovadora xa realizado ou en curso.

Na categoría de identificación de oportunidades, recoñécese o traballo de Juana Ferreiro e María Lourdes Veira, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que propoñen a creación dunha aplicación para teléfono móbil coa que se poida desenvolver o traballo de vixilancia dos produtos comercializados no mercado dunha forma máis fácil, áxil e eficiente, tanto na fase de inspección como na fase de análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. Resultaron finalistas neste apartado un proxecto de Xermán Estévez, da Presidencia da Xunta de Galicia, centrado na xestión das residencias de maiores, e unha iniciativa sobre medicina en liña e inclusiva que parte da Consellería de Sanidade.

No tocante á categoría de proxecto coa temática máis innovadora, resultou gañador Iván Cacheiro, de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola proposta Innovaugas 4.0, que se centra na xestión avanzada dos recursos hídricos galegos. Esta iniciativa busca dar resposta a longo prazo ás demandas dos diferentes usos da auga, en equilibrio co medio natural e os ecosistemas fluviais, mediante a utilización de diferentes tecnoloxías innovadoras que permitan resolver dunha forma máis eficiente os desafíos de Augas de Galicia. Nesta categoría resultaron finalistas o proxecto Paisaxes en construción, presentado polo Instituto de Estudos do Territorio, e unha proposta de persoal do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) centrada na innovación na contratación administrativa no eido da enerxía.

Tal e como establecen as bases, os premios son de 2000 euros para quen gañe individualmente e 3000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata 3 persoas. Os premios serán puntuables na carreira profesional.

Este certame enmárcase no Programa de Impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI) que ten como obxectivo consolidar Galicia como un referente no emprego deste instrumento, a CPI, que fomenta a innovación a través da contratación pública. Precisamente, un dos obxectivos deste programa é formar ao persoal da Xunta de Galicia e doutras administracións públicas no uso desta ferramenta para contar con organizacións públicas innovadoras orientadas aos usuarios e capaces de anticiparse ao mercado.