Galicia e o Norte de Portugal organizan un ciclo de xornadas formativas sobre instrumentos europeos de apoio á innovación

2020-12-13
  • A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), colabora nestas xornadas dirixidas aos axentes do ecosistema de I+D+i da Eurorrexión
  • A primeira celebrouse o pasado xoves, con máis de 130 entidades participantes, para abordar a estratexia Digital Europe
  • Están previstas tres xornadas máis: unha centrada no Green Deal, o vindeiro 17 de decembro; unha segunda sobre o novo programa marco Horizonte Europa e a terceira sobre financiamento en cascada

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020.- A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, colabora coa Rexión Norte de Portugal nun ciclo de xornadas formativas sobre os programas e instrumentos europeos de apoio á innovación no período 2021-2027. A iniciativa, dirixida aos axentes do ecosistema de I+D+i da Eurorrexión, conta con financiamento do programa POCTEP e inscríbese na Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, que ten como obxectivo dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias europeas de cooperación interterritorial.

Na primeira xornada telemática, que se celebrou o pasado xoves, participaron máis de 130 entidades de todo o sistema de I+D+i entre organismos de investigación, centros tecnolóxicos, clústeres, Hubs de Innovación Dixital (DIH), empresas innovadoras e a Administración galega e da Rexión Norte. Estivo centrada na estratexia Digital Europe, o programa da Unión Europea para estender o uso das tecnoloxías dixitais entre a cidadanía, a administración pública e as pemes, cun orzamento de 8200 millóns de euros. Ademais, tamén se abordaron as fontes de financiamento europeas dos Hubs de Innovación Dixital, que estarán ligadas ás convocatorias do programa Digital Europe e a partidas específicas dos fondos estruturais de desenvolvemento rexional (Feder).

O obxectivo deste encontro era informar sobre as oportunidades que ofrece o programa europeo Digital Europe da man de expertos como Anne-Marie Sassen, xefa adxunta da Unidade Tecnoloxías e Sistemas para a Dixitalización da Industria da Comisión Europea; Annita Kalpaka, especialista en Política de Cohesión, Innovación e TIC do Joint Research Centre (JRC); e Gabriel Rissola, experto en Ecosistemas de Innovación Territorial e TIC, tamén por parte do Joint Research Centre da Comisión Europea.

Están previstas tres xornadas máis: unha centrada no Green Deal, o vindeiro 17 de decembro; unha segunda sobre o novo programa marco Horizonte Europa e a terceira sobre financiamento en cascada