A Xunta avoga por que a ciencia do futuro sexa integradora e humanista cunha maior presenza da muller

2020-12-11
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiron esta tarde ao acto de entrega do V Premio Executivas de Galicia, que distinguiu á doutora África González
  • Conde subliña que Galicia debe seguir nesta liña tras ter acadado as mellores cifras de mulleres empregadas en I+D e de mulleres investigadoras
  • Lorenzana destacou que para o Goberno galego é prioritario incrementar a presenza feminina en todas as esferas da sociedade como motor de cambio e progreso

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiron esta tarde en Santiago de Compostela ao acto de entrega do V Premio Executivas de Galicia, que distinguiu a traxectoria profesional da doutora África González.

Na súa intervención, Conde destacou que a Xunta avoga por que na ciencia do futuro haxa unha maior presenza da muller e que a produción científica sexa integradora e humanista, cun impacto directo na sociedade e na calidade de vida das persoas.

O vicepresidente económico subliñou o esforzo que Galicia está a facer no eido da I+D+i co obxectivo de alcanzar un desenvolvemento máis sustentable e explicou que Galicia conta hoxe coa maior cifra de mulleres empregadas no sector da I+D e cun 11% máis de mulleres investigadoras que hai 10 anos. Por iso explicou que hai que seguir nesta liña, apoiando o talento e fomentando as vocacións STEM entre as nenas e rapazas galegas.

Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o Premio Executiva de Galicia, co que colabora o departamento autonómico, xa que é unha iniciativa coa que se potencia e visibiliza o liderado feminino. Destacou, ademais, a importancia que ten para a Xunta fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en todas as esferas da sociedade e incrementar a súa presenza nos ámbitos de decisión e influencia das estruturas sociais, políticas, económicas e profesionais.

Lorenzana indicou que é importante impulsar este reto como poñelo en valor para que sexa un exemplo a seguir polas novas xeracións. Para a conselleira de Emprego e Igualdade é fundamental que as rapazas poidan ter referentes femininos en sectores onde a día de hoxe non existe paridade de xénero e así concienciar á mocidade de que cada un pode ser o que queira ser, sen importar o xénero. Por iso, engadiu, que para o Goberno galego resulta prioritario incrementar a presenza da muller en todos os ámbitos como motor de cambio e progreso.

Para rematar destacou o labor da investigadora premiada nesta edición, á que definiu como “unha muller referente, líder, emprendedora, innovadora, á vangarda da innovación e unha muller con talento”.