A Xunta aposta por poñer o sector aeronáutico á cabeza para que Galicia conte cunha industria de maior valor engadido baseada no coñecemento e a innovación

2020-12-11
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Vigo unha reunión co Consorcio Aeronáutico Galego
  • O Polo Aeroespacial, con 230 empregos creados ou consolidados na provincia de Pontevedra, especialmente na comarca de Vigo, é o eixe vertebrador sobre o que pivotar a captación de recursos procedentes dos Orzamentos da Xunta, con 20M€ asignados para 2021, e dos fondos europeos de recuperación

Vigo, 11 de decembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe en Vigo durante unha reunión co Consorcio Aeronáutico Galego, que este sector ten que estar á cabeza para que a Comunidade conte cunha industria de maior valor engadido baseada no coñecemento e a innovación.

O encontro tivo como obxectivo coñecer as expectativas do sector dentro do contexto actual e establecer unha liña de traballo conxunta para darlle a máxima relevancia no proceso de reactivación económica. Conde destacou que o aeronáutico é un dos sectores que maior porcentaxe da súa facturación reverte cada ano en I+D+i, ademais dunha industria xeradora de emprego de alta cualificación e altamente internacionalizada. Galicia conta con máis de 30 empresas que dan emprego a máis de mil persoas.

O vicepresidente económico puxo en valor o traballo que se está a desenvolver no Polo Aeroespacial de Galicia, o eixe vertebrador sobre o que pivotar a captación de recursos procedentes dos Orzamentos da Xunta e dos fondos europeos de recuperación. Lembrou que a Xunta reserva 20M€ para 2021 co obxectivo de consolidar este Polo que, ademais, é un dos proxectos que forma parte da candidatura galega para optar aos fondos Next Generation. Explicou que grazas ao Polo xa se xeraron ou consolidaron 230 empregos na provincia de Pontevedra, xa que participan tres centros tecnolóxicos (Gradiant, CTAG e Aimen), a Universidade de Vigo, Agacal, Aclunaga e empresas como Seadrone, Centum, Soldatec, Industrias Ferri e Fiber Laminates.

Conde rematou apelando ao traballo coordinado desde o eido público e privado para que o sector aeroespacial poida despuntar como motor da reactivación económica, polo que confiou en que a xuntanza de hoxe permita trazar entre todos unha axenda común para establecer metas e prioridades.