O proxecto europeo Manufactur 4.0, no que participa a Xunta, permitiu incentivar a implantación das tecnoloxías 4.0 no sector naval e metalúrxico da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

2020-12-06
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain) organizou unha xornada en liña para dar a coñecer os resultados do proxecto
  • O obxectivo do proxecto, financiado por fondos Feder a través do programa Interreg VA España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), era transferir á industria naval e do metal as novas tecnoloxías de fabricación avanzada e baixo custo
  • Para validar a transferibilidade destas tecnoloxías á industria leváronse a cabo sete proxectos piloto demostradores en dez empresas do Norte de Portugal e de Galicia
  • No proxecto Manufactur4.0 participaron asociacións profesionais como Aclunaga e a portuguesa Catim, os centros tecnolóxicos Aimen e INESC-TEC, así como as axencias Gain e ANI

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2020.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na xornada en liña de peche do proxecto europeo Manufactur 4.0, que lidera a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do CIS Tecnoloxía e Deseño e que está financiado a través de fondos Feder do programa Interreg VA España-Portugal 2014-2020 (POCTEP).
O obxectivo deste proxecto é transferir de xeito efectivo as novas tecnoloxías de fabricación avanzada e baixo custe á industria do sector naval e metalmecánico.

A directora de Gain explicou que esta iniciativa acadou un efecto incentivador da implantación das tecnoloxías 4.0 na industria naval e metalmecánica da Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal grazas á intensificación das relacións entre os centros tecnolóxicos e as empresas. Concretamente, desenvolvéronse sete proxectos piloto demostradores en dez empresas da Eurorrexión para validar a transferibilidade dos resultados do proxecto cara a industria.

Argerey confirmou que ao longo dos tres anos de execución do proxecto se puideron evidenciar os beneficios da adopción da Fábrica 4.0 no cambio, crecemento e modernización do sector transfronteirizo. Por este motivo, a directora de Gain anunciou que a Xunta de Galicia se compromete a seguir impulsando medidas que aumenten a competitividade do sector, a través do aumento da súa intensidade tecnolóxica, diversificación, especialización e innovación, a través de instrumentos como o programa de Fábrica Intelixente ou os Hubs de Innovación Dixital, que contarán cun orzamento para 2021 de 45 millóns de euros.

Podes visualizar un vídeo resumo do proxecto na seguinte ligazón: https://vimeo.com/486788307

Presentación de resultados

Ao longo da xornada presentáronse os resultados do proxecto europeo e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández, expuxo a experiencia práctica da Unidade Mixta de Investigación promovida por Navantia e a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta de Galicia, en torno ao Estaleiro do Futuro.

En canto á presentación dos resultados acadados polas entidades socias, explicouse o deseño, validación e tecnoloxías desenvolvidas no proxecto para impulsar ao sector naval e metalúrxico, os perfís profesionais necesarios e contidos formativos elaborados sobre as tecnoloxías impulsadas no marco do proxecto, así como as misións tecnolóxicas directas e inversas para compartir o coñecemento e coñecer outras boas prácticas fóra da Eurorrexión.

Este evento finalizou cunha mesa de debate na que participaron representantes de Aclunaga e Aimen, entre outros, xunto a Salvador Naya Fernández para reflexionar sobre o futuro próximo do sector naval galego.

No proxecto participaron seis socios de Galicia e Norte de Portugal: Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM), Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INESC TEC) e a Agência Nacional de Inovação (ANI) –procedentes de Portugal- e a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste (Aimen) e a Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) –pola parte galega-.