A Vicepresidencia segunda incrementa o seu Orzamento para 2021 nun 58% para impulsar a reactivación da economía galega e seguir avanzando na dixitalización, a innovación e a transición ecolóxica

2020-11-27
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia as contas para o próximo ano, que alcanzan os 512 millóns de euros
  • Outorga á Axencia Galega de Innovación (Gain) a partida máis alta da súa historia para contribuír á transformación do tecido produtivo a través das novas tecnoloxías, un reto que contará con 206M€
  • Multiplica por tres os fondos para instrumentos de financiamento que acompañarán a modernización empresarial
  • Créanse dous fondos de 60M€ para apoiar grandes proxectos cun efecto tractor sobre pemes e autónomos e para acompañar aos sectores que precisen reinventarse debido á covid-19
  • Para contar cunha Galicia máis verde muliplícanse por cinco as axudas de aforro, eficiencia enerxética e enerxías renovables na industria galega

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá no Parlamento de Galicia os orzamentos do departamento que dirixe para o vindeiro ano 2021, que se incrementan nun 58% con respecto ao do pasado ano ata alcanzar os 512M€, para impulsar a reactivación da economía galega e seguir avanzando na transición dixital e ecolóxica.

De feito, os orzamentos estrutúranse en catro eixes transversais que impulsarán un crecemento sólido e de longo alcance para crear cadeas de valor no tecido produtivo das que poidan formar parte autónomos e pemes. Trátase da transición dixital, o impulso a un maior apoio financeiro, a transición ecolóxica e a aposta polo talento.

Tal e como explicou son unhas contas ambiciosas pero realistas que se axustan ao complexo escenario económico actual para que o extraordinario nivel de gasto e de investimento que contemplan se traduza en competitividade industrial, medidas de acompañamento para pemes e autónomos, apoio para os sectores máis castigados e un impulso á dixitalización e á economía verde que redunde nunha mellora da calidade de vida de todos os galegos e galegas.

O vicepresidente segundo, que incidiu en que a prioridade é velar pola seguridade e a saúde dos galegos, explicou que a transición ecolóxica e dixital modernizarán o tecido industrial galego impulsando un crecemento verde, inclusivo e social. Conde subliñou que para conseguilo Galicia contará tamén cos fondos europeos de recuperación e coa Lei de reactivación económica de Galicia que se activará nos primeiros meses do vindeiro ano.

Transición dixital

As medidas para abordar a transformación do tecido produtivo a través das novas tecnoloxías contarán con 206M€ de orzamento que terán como obxectivo contar cunha Galicia máis innovadora e competitiva. Na busca deste fin, a Axencia Galega de Innovación (Gain) contará coa partida máis alta da súa historia ata alcanzar os 126,7M€ para incrementar, por exemplo, a capacidade innovadora das pemes galegas; impulsar iniciativas estratéxicas de I+D (45M€ para os Hubs de Innovación Dixital o programa Fábrica Intelixente); e apoiar sectores emerxentes como o biotecnolóxico, para o que se reservan máis de 11M€ ou o aeroespacial que recibirá 20M€.

A dixitalización tamén se impulsará desde o Igape, que duplica os seus fondos, para reforzar a innovación industrial con programas como os Centros de Fabricación Avanzada; acompañar ás empresas na súa internacionalización e mellorar a súa competitividade.

No eido do comercio tamén se incidirá na dixitalización e internacionalización, especialmente axudando ao comercio de proximidade e aos obradoiros de artesanía no seu salto dixital a través de 13,5M€. Na área de Comercio destacan os 7,65M€ para ampliar de novo o Ifevi e consolidar este recinto como un referente no seu ámbito.

Apoio financeiro

A Xunta acompañará esta modernización con mecanismos de financiamento multiplicando por tres os fondos para este tipo de instrumentos ata chegar aos 187M€. Galicia reforza, deste xeito, o apoio financeiro destinado a pemes, autónomos e sectores más castigados pola crise para impulsar novos investimentos industriais que permitan ter unha Galicia con máis futuro.

En concreto, crearanse dous fondos con 60M€ coordinados por XesGalicia para apoiar grandes proxectos cun efecto tractor sobre pemes e autónomos e a transformación do tecido produtivo poñendo o foco en sectores que precisen reinventarse como consecuencia da covid-19.

Transición ecolóxica

O reto da transición ecolóxica contará con 87M€, o que supón un crecemento do 50% con respecto a 2020 para fomentar a economía circular e a bioeconomía e conseguir unha Galicia máis verde.

O Inega contará cun 33% máis de orzamento e multiplicará por cinco a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética e a incorporación das enerxías renovables na industria galega (16M€). Mentres que a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) contará cunha partida que medra nun 70% para seguir fomentando un mellor aproveitamento dos nosos recursos naturais, como é o caso da madeira. Así destinaranse 4M€ aos programas para favorecer a construción en madeira e reservaranse partidas para reforzar o equipamento e actividade do CIS Madeira.

Talento

A aposta polo talento recibe 24M€ para conseguir que a economía galega creza sobre a base do coñecemento, poñendo o foco nas persoas e, deste xeito, poder contar cunha Galicia máis preparada e máis emprendedora. Apostando pola formación, o emprego cualificado e a captación e retención de talento, Galicia contribúe a xerar unha economía de maior valor engadido. Programas como Talento 2018-2021, Profesionais 4.0 ou o Ignicia teñen continuidade nestes orzamentos, xunto coa rede de aceleradoras StartIN Galicia que suma a Business Factory Medicines, aceleradora para o descubrimento de novos fármacos que se pon en marcha cun programa de incubación de proxectos de loita contra o cancro.

Conde finalizou subliñando que cada euro deste orzamento ten como único obxectivo a reactivación económica e como único beneficiario aos galegos e galegas.